Emotiva estrea do documental sobre a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla

Javier Sierra, distinguido pola súa contribución ao mellor coñecemento do Camiño e o fenómeno Xacobeo
Un momento do acto da estrea do documental sobre a ruta xacobea arousana.
photo_camera Un momento do acto da estrea do documental sobre a ruta xacobea arousana. DP

A Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla, vivencias. A orixe do Camiño de Santiago é un proxecto da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla realizado co apoio do programa O Teu Xacobeo. Esta curtametraxe documental foi estreada ante o público no Teatro Principal de Santiago de Compostela nun acto conducido polos xornalistas Ramón Castro e Silvia Castiñeiras, ao que asistiron alcaldes e representantes dos 21 concellos que forman parte do Padroado da Fundación, ademais da tenente de alcalde de Compostela, Mercedes Rosón, a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, entre outras autoridades. O evento serviu tamén para impoñer ao escritor Javier Sierra a máxima distinción da Fundación, en recoñecemento polo seu traballo de divulgación do Camiño de Santiago.


O documental está protagonizado por Pablo Sobrino, Ángela Ramos e Alicia Castro, encargados de levar ao espectador polo percorrido que fan os peregrinos por vía marítima e terrestre para chegar a Compostela a través da ría de Arousa e do curso baixo do río Ulla. Esta é a primeira das Rutas Xacobeas, o orixe do Camiño, dado que reproduce o periplo dos discípulos de Santiago o Maior, Teodoro e Atanasio, que trasladaron o corpo desde Palestina a Iria Flavia. O presidente da Fundación, Javier Sánchez-Agustino Mariño, destacou que “este proxecto está chamado a ser a carta de presentación internacional do Camiño pola ruta Xacobea do mar de Arousa e río Ulla”, e recordou que neste lugar “é onde comezou o fenómeno xacobeo. O documental é unha iniciativa moi desexada por nós que e partir de hoxe ten como embaixador a Javier Sierra”.


O escritor é un gran difusor do Camiño de Santiago, a través de producións coma a serie Otros mundos que levou aos fogares de toda España coa plataforma Movistar TV
os segredos da Ruta que vertebrou Europa. Javier Sierra dedicou a súa alocución ao aspecto simbólico do Camiño, en especial nos seus inicios, nos que o peregrino "chegaba á Catedral e remataba unha transmutación espiritual e persoal". O premio Planeta en 2017 mostrouse moi satisfeito de coñecer "unha Ruta que recolle a viaxe orixinal dos discípulos de Santiago".