A Escola Municipal de Música contará con 334 alumnos no vindeiro curso

O centro desenvolverá a partir da próxima semana os festivais, audicións e concertos de final de curso
Docentes de la Escola Municipal de Música Bernardo del Río en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Docentes da Escola Municipal de Música Bernardo del Río en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Tras pechar o proceso de matriculación para o curso 2023/24 cun total de 334 alumnos, a Escola Municipal de Música Bernardo del Río dedica o mes de xuño a despedir a tempada realizando as actividades do ultimo trimestre. A partir do día 5 e ata o día 20, o alumnado e o profesorado pasarán polos escenarios do propio centro e tamén do Auditorio para protagonizar as audicións, festivais e concertos de fin de curso. Todas as actividades están abertas ao público con entrada de balde.

A semana do 5 ao 9 de xuño estará dedicada aos festivais dos educandos de Música e Movemento, os que teñen entre 3 e 7 anos. Do 15 ao 19 de xuño celebraranse as audicións instrumentais, onde o alumnado das distintas especialidades interpretará ante o público o mellor do seu repertorio, tanto no estilo clásico como moderno. Os festivais e audicións terán lugar na sala de concertos da escola, con entrada libre ata completar aforo. Os horarios poderanse consultar na web do centro.

O luns 19 de xuño terá lugar o concerto de solistas e o martes 20 de xuño o de agrupacións. Neste último participan os escolares do último curso de Música e Movemento que, tras a actuación, recibirán o diploma acreditativo de remate do ciclo. Ámbolos dous concertos terán lugar na sala principal do Auditorio Municipal ás 19:30 horas, coa entrada libre ata completar aforo.

E como fin de festa, un ano máis, a Escola de Música participará no Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía, o Clasclás, no marco do programa 'Clasclas a pé de rúa'. Os alumnos do centro xunto co alumnado do Conservatorio sairán á rúa para ofrecer un variado repertorio para o goce de todos os veciños e visitantes. Estes concertos levaranse a cabo os días 24 e 25 de xuño en distintos emprazamentos do centro da cidade.