Encarrilada a reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa

O proxecto, con 2,2 millóns de euros de orzamento, resolverá o problema de condensación da infraestrutura deportiva
HQR_ Baloncesto_ Cortegada-Arxil
photo_camera Un partido do Cortegada no pavillón de Fontecarmoa. RAFA FARIÑA

Despois do axuste orzamentario e da apertura do novo proceso de licitación, a materialización da reforma do pavillón número 1 de Fontecarmoa parece estar encarrilada xa que, tras pecharse o prazo de presentación de ofertas, finalmente son tres as empresas que concorren ao concurso. Co obxecto de recuperar o tempo perdido coa repetición do proceso debido ao incremento xeneralizado dos prezos dos materiais, a Mesa de Contratación reunirase coa maior brevidade para avaliar as propostas co obxecto de poder adxudicar e iniciar as obras canto antes. O proxecto licítase por 2.129.428 euros (impostos incluídos).

O prazo de execución dos traballos é de 7 meses, aínda que a intención do goberno local é que a empresa que resulte adxudicataria axilice ao máximo as obras para que os clubs da cidade poidan retomar a actividade no renovado pavillón canto antes e para que os vilagarciáns poidan gozar do deporte nunhas instalacións cómodas, modernas e eficientes.

O proxecto que se vai executar é unha actuación moi ambiciosa e de gran envergadura xa que inclúe a reparación da estrutura, a substitución da cuberta, a mellora de envolventes e o acondicionamento interior do pavillón, así como a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica, a renovación da instalación eléctrica e a de climatización. Estas últimas melloras permitirán que a renovada estructura cumpra os compromisos da Axenda 2030 e suba catro niveis na escala de eficiencia enerxética, pasando a situarse na categoría 'A'.

As obras proxectadas resolverán todas as carencias e deficiencias que presentan actualmente as instalacións construídas hai máis de 40 anos -especialmente en materia de humidade e condensación, que dificultan a práctica deportiva-, pero tamén de imaxe. Por isto, aparte da estrutura e das instalacións, tamén se renovarán a zona de vestiarios, os aseos e o perímetro da cancha.

Desembolso municipal

O Concello fixo un importante esforzo económico para acometer o proxecto, xa que dos case 2,2 millóns de euros do orzamento, a administración local financia 1.779.428 euros (1.353.874 directamente e 425.554 con parte dos fondos que lle corresponden a Vilagarcía con cargo ao Plan Concellos da Deputación). Os 350.000 euros restantes son a achega que fai a Secretaría Xeral para o Deporte.