Seis empresas compiten pola execución da glorieta entre a Avenida de Cambados e a Rúa Fontecarmoa

A obra licítase por importe de 190.200 euros e un prazo de execución de 3 meses
70062e48-ae27-464a-8287-00c110c8e757
photo_camera A glorieta regulará a circulación de vehículos coa eliminación dos semáforos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un total de seis empresas concorren ao procedemento de licitación aberto polo Concello de Vilagarcía para contratar a obra de construción dunha glorieta entre a avenida de Cambados e a rúa Fontecarmoa e acondicionar as beirarrúas da contorna. A actuación proxectada ten como obxectivo axilizar a circulación rodada e mellorar a seguridade nesta arteria viaria da cidade tras a reordenación do tráfico nas mazás do barrio do Piñeriño tras a peonalización dun tramo da rúa Camilo José Cela. A obra licítase por importe de 190.213 euros e terá un prazo de execución de 3 meses.

A reordenación do tráfico no interior no barrio do Piñeiriño fixo que circulación de vehículos derivase en maior medida pola rúa Fontecarmoa cara a avenida de Cambados, unha travesía que xa de por si contaba cunha importante intensidade de tráfico por ser un dos eixos principais que atravesan a cidade. Para mellorar esta situación, o Concello contratou á consultora Iceacsa unha medición do aforos nas vías afectadas e da contorna para establecer o comportamento do tráfico. Os datos extraídos destes estudos permitiron determinar que a construción dunha glorieta neste punto era a mellor opción entre todas as posibles para aportar fluidez ao tráfico na avenida de Cambados e Doutor Tourón.

O proxecto a adxudicar nas vindeiras semanas consiste na construción dunha glorieta para regular o tráfico no punto no que conflúen as catro rúas: avenida de Cambados, avenida Doctor Tourón, rúa Vista Alegre e Rúa Fontecarmoa. Debido ao espazo dispoñible, habilitarase unha glorieta rebasable, isto é, en forma de rampla elevada un pouco sobre o nivel da calzada, a efectos de garantir a manobrabilidade dos vehículos de maiores dimensións, como poden ser os autobuses de maior capacidade.

A glorieta será a que regule de forma fluída a circulación de vehículos, polo que se eliminarán os tres grupos semafóricos existentes entre o remate de Doutor Tourón e a intersección co barrio do Piñeiriño. Isto tamén proporcionará axilidade ao tráfico rodado, que non se verá condicionado polas paradas dos semáforos en vermello.

En consecuencia, para garantir o paso seguro das persoas que desexen cruzar a rúa, desprazaranse uns metros os pasos de peóns existentes entre o Piñeiriño e a glorieta, que serán elevados como medida de seguridade e calmado do tráfico. E tamén se habilitará un novo paso de peóns elevado nas inmediacións do cruce coa rúa Xunqueira, actuación que enlazará cos traballos que se están a levar a cabo nesa vía coa construción do primeiro dos Camiños Escolares Seguros.

O proxecto prevé tamén a mellora e acondicionamento das beirarrúas situadas entre o Piñeiriño e o cruce coa Rúa Xunqueira, de xeito que se ensancharán e se construirán en formigón conti nuo para garantir a perfecta accesibilidade. A actuación complementarase coa colocación de bancos e da plantación dalgunhas árbores.

Así mesmo, acondicionarase o espazo existente actualmente entre o cruce da avenida de Cambados co Vista Alegre e a travesía de Pablo Picaso, unha zona que actualmente representa certos riscos ao compartir uso peóns e vehículos. O espazo acondicionarase para garantir a seguridade dos peóns á vez que poderán continuar estacionando vehículos na parte interior que linda coa finca do Montiño.

Por último, ao eliminar a regulación semafórica, quedarán prohibidos os perigosos xiros á esquerda dos coches atravesando o carril contrario. Esta circunstancia non suporá impedimento nin inconveniente algún xa que os vehículos só terán que avanzar uns metros ata a rotonda de Pablo Picasso ou á nova glorieta para bordealas, incorporarse ao carril oposto e, entón si, xirar á dereita cara a rúa á que desexan acceder. O xiro á esquerda que actualmente se permite para acceder á zona do centro comercial dende Doutor Tourón pola rúa Manuel Antonio tamén quedará prohibido. Pero a accesibilidade á zona queda garantida cambiando o sentido desta rúa, que pasará a ser de saída cara Doutor Tourón, e tamén o de Vista Alegre, que pasará a ser de entrada dende a glorieta.