VIDA SALNÉS

Elías Cochón: "A vida hai que buscala e deixar pegadas positivas nela"

Son escultor. O meu é unha materia recia, inconformista, porque para min o trazo é trazo, o corte é corte. O meu mestre e amigo, Camilo Otero, suavizaba as superficies. Eu son “máis intenso”, segundo me dixo un día un tal Avendaño. Por vir de onde veño, utilizo a materia primixenia, as terras na parte máis plástica, e na escultura falo do ferro que pode ser bronce, ou aluminio, e mesmo cheguei mesturalos un día. 
photo_camera Entrevista con Elías Cochón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

De onde vés Elías Cochón? 

A miña vida é longa ou empeza a selo. Procedo dunha familia moi humilde, que se fixo a si mesma, vencellada ao mundo industrial. Procedo de mariñeiros e labregos; pero meu avó materno empezou a traballar nunha empresa de fundición, xa desaparecida, en Carril e sendo analfabeto acabou de xerente xeral. Logo marchou a Vigo e empezou a guerra de 1936. No ano 44 volve ao Salnés e monta unha empresa na que eu vivín desde pequeno. A min de cativo en vez de botarme cereal no leite me botaban silicio. Desde moi neno, no tempo que deixaban os estudos, o pai facíame ir traballar ata que me incorporei na empresa.

Pero eu non falo agora co empresario de Fundiciones Rey (establecida en 1944). Ti es un escultor cunha traxectoria importante, con mostras a nivel nacional e internacional: É o teu lado artistico unha vía de escape do “abafante” mundo empresarial?

Pois non che podo deixar de falar da empresa para chegar onde ti queres porque sempre houbo unha compoñente artística moi importante nese mundo industrial no que me criei. Sempre traballamos cos grandes artistas contemporáneos galegos. Eu, de cativo, pedía que me deixaran fedellar cos mestres molderos e de aí ven o meu vínculo coa arte. Empecei moldeando pezas de todos estes artistas que viñan á fábrica a fundir con nós. E no ano 2000 foi cando decidín dar o salto para facer as miñas propias pezas. 

Proxecto Vida_Diario do Salnés_Elias Cochón Rei (artista plástico y escultor). JOSÉ LUIZ OUBIÑA
As mans do escultor Elías Cochón durante a entrevista para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Escoito a Elías e soa o ferro da súa arte e o seseo do seu Salnés. E insisto: Empresario e artista nun mesmo corpo? No canto da Santísima Trindade pareces a Santísima Dualidade!

(Ponse serio). Non é facil descontaminar a cabeza da parte industrial da miña vida. A parte industrial contamina a miña alma: puro estrés, presións a diario, porque temos intereses en diferentes partes do mundo. A parte artística dáme a pausa, o bo sabor. E isto deixa unha impronta na alma considerable. Pero hai que dicir que grazas ao eido industrial foi que coñecín ao meu mestre, Camilo Otero. Coñézoo na parte final da súa vida, cando retorna de París ata Compostela, a Teo. Contacta connosco e por sorte eu xa tiña o mundo andado de mans, de facer con outros artistas na fundición.

E que che dixo o mestre?

Díxome: “¡No tienes huevos de hacer una escultura mía!”.E resulta que a súa escultura era un pé cun ovo enriba. Despois dun longo tempo que o desesperou, porque eu necesitaba a peza para facer a réplica en ferro, un dia aparecínlle en Teo. E gustoulle a profundidade da peza.

Profundidade de peza e de amistade...

Emocióname lembrar a Camilo. Cando enfermou non comía e agardaba por min para saír a cear. Foi fermoso e terrible. E marchou nun momento... (ollos de vidro na mirada emocionada de Elías)... Un día díxome que non ía traballar máis. E chegou a fin.

O esforzo é o camiño para chegar á arte"

 

A fronteira entre a vida e a morte de Camilo Otero marca a túa viaxe artística? 

Si. Camilo traballaba as terras maxistralmente. O que eu traballo é diferente. Eu manexo as areas para os moldeos das pezas da fundición: as sílices, as cromitas, as ilmenitas (mineral óxido).... pero Camilo manexaba a terracota, a arxila pura e dura, e tiña grande mestría con elas e eu pedinlle que me ensinara, pero el berrábame aquilo de “¡tú ya estás hecho a ti mismo!”. En calquera caso, eu aprendín moito del sobre a delicadeza da escultura. Esa sutileza súa foi o que me levou a facer unha liña de autor de xoiería.

Polo que contas e como o contas, e pola mestura de emocións que vive agora nos teus ollos, seica Camilo foi unha xoia na túa vida...

Seica me está ollando desde o ceo e seguro que me sigue botando a bronca. Camilo, de noviño, traballou no estudo de Picasso en París. Para min é o mellor escultor galego e un gran debuxante. As pinturas de Camilo teñen algo que me atrae. Na escultura é exquisitamente bo, os matices, as pátinas do seu bronce que cando tocas a peza, de non ser pola frialdade que transmite o metal, non sabes se o contacto te leva a sentir un alabastro, un bronce, unha madeira... é incrible.

Proxecto Vida_Diario do Salnés_Elias Cochón Rei (artista plástico y escultor)
As ferramentas son o obxecto elixido polo escultor. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 

Define os trazos da vida.

Traballo e esforzo.

E a arte? 

Traballo e esforzo. Porque para chegar á arte ese tamén é o camiño. Darlle forma á inspiración leva horas. E algunha vez, a peza volve ao forno porque non me gusta.

Por que fas cadros? Por que claudicas, meu querido escultor? 

Non é claudicar, é continuidade. A miña pintura é unha tentación e un sosego que aprendín de Leopoldo Nóvoa. Pero hai algo que me leva cara o formato en cadros: a saúde. Eu convivo coa hernia de disco desde os 18 anos, por esforzo e por traballo, e non se pode operar. Daquela, pode que a escultura chegue a poñerme freo. Son un espírito sen acougo e busco a saída na plástica, que no meu caso é unha pintura que fala na lingua propia da escultura.

TEST DE VIDA


Unha palabra? 
Esforzo.
Un lugar? 
Arousa.
Unha persoa?
Miña nai, Carme.
Unha personaxe?
Meu fillo, Ekaitz. Un nome que en eúskaro significa tormenta, tempestade. El é a intensidade da miña vida, a continuidade. 
Un obxecto? Unha cousa?
A terra.
A túa ferramenta?
Unha espátula.
Alguén imprescindible?
Aylin.
Que é a vida e para que sirve?
Para vivila intensamente, aínda que te equivoques. Hai que buscar, deixar pegadas positivas. Poñer o pé e que se note que por aquí andamos.