A Escola Municipal de Música Bernardo del Río xa ten todo listo para pechar as actividades do primeiro trimestre do ano e facelo da forma máis lúdica e divertida posible co tradicional Concerto de Nadal.
A esperada cita terá lugar o vindeiro martes, 20 de decembro, a partir das 19.30 horas no Auditorio e a entrada é libre e de balde ata completar aforo. Profesores e educandos invitan a todo o mundo, especialmente ás familias do alumnado, a asistir a este entrañable concerto co que, ademais de dar a benvida ao Nadal mediante a música, poderán comprobar a evolución e os avances que os educandos teñen adquirido ao longo destes primeiros meses de clases e o resultado do traballo realizado con toda a ilusión para preparar este espectáculo.
Como non podía ser doutro xeito, o repertorio preparado para este concerto fará un percorrido polas panxoliñas tradicionais e populares máis representativas, tanto en España como noutros países do mundo. No concerto intervirán diferentes agrupacións instrumentais, varios coros formados por alumnos de linguaxe musical e polo alumnado do último curso de Música e Movemento.