O domingo remata a venta dos abonos para o ciclo completo do 'Achégate ao Salón!'

A partir do luns 16 poderanse adquirir as entradas individuais para as actuacións de Alice Wonder, Vega e Luis Fercán
Luis Fercán. DS
photo_camera Luis Fercán participará do ciclo de concertos. DS

A venta dos abonos para asistir ao ciclo completo do programa musical Achégate ao Salón! remata este domingo, 15 de xaneiro. Ata entón, poderanse adquirir os abonos ao prezo reducido de 25 euros para presenciar os concertos de Luis Fercán, Vega e Alice Wonder. A partir do luns 16, e tamén a través de Ataquilla, os interesados poderán adquirir as entradas de forma individual para cada unha das actuacións, neste caso, ao prezo xeral de 12 euros, e de 5 para menores de ata 16 anos. Os desempregados poderán acudir de balde, reservando previamente a entrada a través da mencionada plataforma. Para poder beneficiarse desta bonificación, o día do concerto deberán presentar o carné de desempregado e o DNI no control de acceso ao concerto.

Tras dous anos de espera debido ás restricións impostas pola pandemia, o exitoso ciclo musical Achégate ao Salón! regresa a Vilagarcía en 2023 apostando polos cantautores independentes máis novos e de maior actualidade. Os concertos matutinos volverán ao Salón García os días 12 de febreiro, coa actuación de Luis Fercán, o 12 de marzo coa de Alice Wonder e 16 de abril coa de Vega. O programa deseñado pola concellería de Cultura ten como obxectivo universalizar a música con prezos moi asequibles para que todo o mundo poida acceder a ela, achegar á música ao público familiar e servir de elemento dinamizador da cidade e foco de atracción de visitantes. Todos os concertos serán de pequeno formato, celebrarase no acolledor Salón García e comezarán ás 12.30 do mediodía, de xeito que, ao remate, o público aínda poida ter tempo a tomar o aperitivo ou pasear pola cidade.