Deputación e Xunta ven "legal pero non lexítimo" o peche dos Bombeiros de Vilagarcía

▶ O ente provincial expresou a súa indignación pola decisión dun dos efectivos que "solicitou 24 horas sindicais" o xoves festivo 
Pancarta no parque de bombeiros de Vilagarcía. DS
photo_camera Pancarta no parque de bombeiros de Vilagarcía. DS

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que participan ao 50% no Consorcio Provincial Contra Incendios, veñen de expresar a súa indignación tras a decisión "legal pero non lexítima, nin responsable" dun dos efectivos do Parque de Vilagarcía que solicitou "24 horas sindicais" para o pasado xoves 6 de abril, día festivo en Galicia. Esta decisión obrigou ao Xefe do Parque a ter que pechar a instalación, xa que legalmente é necesario que a dotación estea cuberta por tres efectivos e unha vez que tampouco as chamadas para cubrir a súa baixa resultaran frutíferas entre o resto do persoal que non tiña que traballar, segundo apuntaron dende o ente provincial.

O peche do Parque de Vilagarcía, en calquera caso, aclararon dende a Deputación, "non deixou sen cobertura nin seguridade á zona da provincia ao que está destinado, xa que se fixo unha  inmediata reorganización do servizo, trasladando aos dous efectivos que traballaban en Vilagarcía ao operativo do Parque contiguo de Ribadumia", que este xoves funcionou con cinco axentes e sen incidencias e que, ademais, "está na mesma isocrona que as instalacións arousás".

Aínda así, o Consorcio Provincial quixo expresar o seu malestar ante unha decisión "completamente irresponsable e máis cando coñecía perfectamente as consecuencias que tería a decisión de coller 24 horas sindicais nun día festivo, algo incomprensible, por moi legal que sexa, nun traballador dun servicio público e nunha actividade tan esencial e básica para a cidadanía como son as emerxencias", manifestaron dende a entidade.