Pontevedra honra a Mariví Villaverde pola súa loita pola memoria histórica

A Deputación impulsa a reedición da autobiografía da vilagarciá ‘Tres tempos e a esperanza’ e a curta documental ‘Mariví, na pel da memoria’ co gallo do centenario do seu nacemento
Homenaxe a Mariví Villaverde na Deputación. GONZALO GARCÍA
photo_camera Homenaxe a Mariví Villaverde na Deputación. GONZALO GARCÍA

Pontevedra conmemorou este venres o centenario de Mariví Villaverde, unha muller de Vilagarcía comprometida coa recuperación da memoria, lembrando a súa vida, a súa obra, e moi nomeadamente a súa forza polo non esquecemento. E fíxoo a través do departamento de Memoria Histórica da Deputación, que vén de reeditar do seu libro ‘Tres tempos e a esperanza’, unha publicación xa descatalogada e moi difícil de conseguir, e a estrea da curta documental ’Mariví, na pel da memoria’, das directoras tamén de Vilagarcía Coral e Laura Piñeiro

A biógrafa de Mariví Villaverde Marga do Val, o guionista Bruno Arias e a codirectora do documental Coral Piñeiro. GONZALO GARCÍA
A biógrafa de Mariví Villaverde Marga do Val, o guionista Bruno Arias e a codirectora do documental Coral Piñeiro. DP


No acto participaron a deputada de Memoria Histórica María Ortega, Coral Piñeiro e tamén o guionista do audiovisual Bruno Arias, así como unha das principais biógrafas de Mariví, Marga do Val. Entre o público estiveron tamén representantes da súa familia, como o seu fillo José Ramón, así como outras persoas que participaron na posta en marcha da homenaxe como ‘comité asesor’: Carme Vidal, Xoán Carlos Garrido e Luís Bará.

A deputada destacou que Mariví Villaverde é un "exemplo perfecto" do tempo do exilio, xa que tivo que marchar por ser filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía Elpidio Villaverde;  da resistencia, na que traballou xunto á súa parella Ramón de Valenzuela; e da loita polos ideais e a memoria. 

Esta publicación, explicou Ortega, era practicamente imposible de atopar, por iso a Deputación decidiu reeditala "e facelo cunha tirada ben ampla para que non haxa centro escolar ou biblioteca na provincia que non conte con este testemuño excepcional".

Familiares de Mariví Villaverde, na homenaxe que lle ofreceu a Deputación Provincial co gallo do centenario do seu nacemento. GONZALO GARCÍA
Familiares de Mariví Villaverde, na homenaxe que lle ofreceu a Deputación Provincial co gallo do centenario do seu nacemento. GONZALO GARCÍA


Ademais do libro, e no intento de espertar o  interese pola súa biografía entre a xente moza, a Deputación encargou a Coral e Laura Piñeiro, "que nos achegasen a súa figura a través da linguaxe audiovisual, nun novo paso na súa andaina cara a historia do 36, que iniciaron co seu laureado Dores". Onte estreouse tamén ‘Mariví, na pel da memoria’, un diálogo entre as autoras e a propia Villaverde no que se rescatan testemuños en primeira persoa e se relata a obriga que tivo de fuxir deixando a súa vida atrás cando era adolescente .

Compromiso e verdade

No seu relatorio a biógrafa de Mariví, Marga Do Val, destacou a importancia da reedición do libro ‘Tres tempos e a esperanza’, no que se escriben en primeira persoa as vivencias “dunha muller que tivo a sorte de ser quen era, na familia que lle tocou vivir, comprometida coa república, co pasado e a verdade histórica”. 

Explicou Do Val que a publicación editouse por vez primeira en 1961 en Edicións Do Castro, a primeira con preocupación en toda España pola memoria. Xa en 2002, lembrou, fíxose a versión en galego, na que se cambiaron os nomes dos personaxes do libro e se engadiu un epílogo no que conta dende a súa visión os atentados de Atocha ou como viviu a morte de Franco entre bágoas polo sufrimento vivido.

Mariví, lembrou Do Val, ía a todos os lugares onde a chamaban para falar de memoria. Desenvolveu actividades estando en Madrid no Círculo Galego e no Club da Unesco, onde contactaba con outras persoas republicanas como as integrantes do grupo Brais Pinto. Xa máis na actualidade, ía a todos os institutos, a todas as xornadas para falar de memoria coa xente nova, “igual que agora quere facer o departamento de Memoria Histórica da Deputación”, subliñou María Ortega, “por iso ela para nós é un referente”.