O Delorean de 'Regreso al futuro' refúxiase da chuvia no Centro Comercial

O coche no que Marty McFlay viaxou no tempo na famosa saga cinematográfica exporase nas instalacións da Xunqueira dende esta tarde ata mañá pola noite
Delorean de 'Regreso al futuro'. GOOGLE
photo_camera Delorean de 'Regreso al futuro'. GOOGLE

O Delorean de Marty McFlay terá que cambiar o de viaxar no tempo para facelo no espazo como consecuencia das intensas chuvias previstas para a xornada de hoxe e de mañá. A organización do CURTAS- Festival do Imaxinario decidiu trasladar a exposición do famoso vehículo da saga cinematográfica de Regreso al futuro ao interior do Centro Comercial Arousa. O espectacular vehículo co que Dos fixo viaxar no tempo na década dos 80 do século pasado, poderase admirar nas instalación do Parque de Xunqueira ao longo da tarde de hoxe venres, de 16 a 21 horas, e durante toda a xornada de mañá en horario de 11 a 13:30 horas e de 16 a 21.


 

A 50 edición do CURTAS-Festival do Imaxinario de Vilagarcía arranca hoxe de forma oficial para desenvolver unha intensa axenda de actividades ata o vindeiro 30 de outubro. Tras unha primeira sesión de proxeccións no Salón García durante esta tarde das películas, curtametraxes e documentais presentados a concurso, o acto inaugural celebrarase ás 21.30 horas de hoxe, na Casa da Cultura coa presenza da concelleira de Cultura, Sonia Outón, e do director do festival, Luis M. Rosales. No acto farase unha homenaxe a Rafael Sabugueiro, falecido recentemente, un dos principais promotores do certame audiovisual que naceu na década dos anos 70 no seo do Liceo.

A continuación, o festival cinematográfico decano de Galicia arrancará coa proxección do Salón García da película Regreso al futuro, a saga elixida para representar á edición deste ano, dedicada ás viaxes no tempo. A película proxectarase en versión orixinal subtitulada.