Dakidarría: "O momento máis especial foron estes últimos vinte anos"

O grupo galego Dakidarría cumpre dúas décadas de música e paixón sobre os escenarios e celébrano cunha xira especial que rememora a súa traxectoria. Duante esta fin de semana actuarán no festival Revenidas de Vilaxoán
O grupo Dakidarría ao completo nunha foto promocional. DS
photo_camera O grupo Dakidarría ao completo nunha foto promocional. DS

Din que "vinte anos non é nada" mais para Gabri Reigosa vinte anos supoñen toda unha vida ao volante do seu grupo, Dakidarría, fundado en 2003 no Val Miñor. A banda, xa coñecida internacionalmente, déixase a pel cunha xira especial que chegará ao máximo nivel no festival Revenidas. Dakidarría conmemora o seu vixésimo aniversario facendo o que mellor sabe facer: impresionar aos fans.

Xa son dúas décadas de Dakidarría. Cando e como naceu o grupo?
O grupo naceu no Val Miñor, no IES de Nigrán, a principios de 2003. Naquela época alí formábanse bandas e desfacíanse en cuestión de semanas, pero había bastante florecemento musical e saíron varias bandas que despois puideron funcionar a nivel profesional incluso. Eu lembro que ata faltabamos ás veces ás clases o luns pola tarde para coarnos nun galpón do caseiro dun amigo para dar os primeiros toques. O noso primeiro concerto expansivo foi no ano 2003 en febreiro para facer un pouco de ruído polo desastre do Prestige.

Esperaba que chegase tan lonxe e que durase tanto tempo?
Nós non esperabamos nada. Cando construímos Dakidarría esperabamos poder expresarnos e botar fóra todo aquilo que levabamos dentro na época postadolescente e actuar nos maiores sitios posibles. Primeiro pensabamos en poder tocar en Vigo e despois poder saír da provincia. A vida e a continuidade da banda foi levándonos cada vez a cumprir diferentes etapas, pero nos inicios non pensabamos no futuro. De feito unha das nosas primeiras cancións chámase El futuro nunca existió e aboga por vivir o momento, e é o que levamos facendo durante estes vinte anos.

En 2003 comezaron cantando en castelán e en 2010 pasáronse definitivamente ao galego. Aparte diso, cambiou o seu estilo de música desde os inicios?
O estilo de música cambiou moito. Empezamos sendo unha banda que intentaba facer punk rock. Eramos catro compoñentes e actualmente somos oito ou nove persoas no escenario. Fomos incorporando novos estilos que nos gustaban sobre unha base de punk rock, pero rapidamente adoptamos outras sonoridades máis de ska, de reggae, agora tamén de compoñentes electrónicos… Dakidarría non deixou de evolucionar musicalmente e lingüisticamente tampouco. O que comentas do cambio de lingua é un cambio súper importante e súper marcado na historia da banda. É un grupo que xa ten unha carreira, xa leva discos editados e xa tocou fóra da provincia, das fronteiras da Galiza e incluso fóra de Europa cantando en castelán. De súpeto decidimos cantar en galego porque decidimos que a nosa mensaxe era incongruente coa lingua que estabamos utilizando. Estamos orgullosos porque abriunos outras portas, pechounos algunhas, pero abriu outras moitas. Fíxonos coñecer outra forma de ver á nosa terra e á nosa xente e cremos que foi un acerto converternos na primeira banda neofalante do país e creo que detrás viñeron bastantes máis que seguiron o noso exemplo e que agora cantan en galego.

"Nun proxecto como Dakidarría temos que estar todos á unha e temos que antepoñelo a outras cousas"

E mudou a maneira de compoñer cancións?
Evidentemente tamén. Nos inicios non había ningunha gravadora de cassette practicamente. A cuestión era ir ao local e poñer alí en común, o seguinte día que ías tiñas que lembrarte do que fixeras o día anterior e retomalo. Hoxe en día compoñemos a distancia. Fabricamos unha maqueta a distancia, ás veces quedamos, pero a maioría das veces non é preciso. Alguén leva unha idea nunha maqueta e pouco a pouco vaise completando ata que chega o día de ir ao estudio. De feito, para estes últimos dous discos non ensaiamos antes de gravar. Iso cambiou pero tamén porque cambiou moito a tecnoloxía e os medios.

Na actualidade son unha familia numerosa con nove membros, como fan para organizarse?
É un verdadeiro crebacabezas, pero hai toda unha estrutura para que todo funcione e todo estea coordinado. Comezando pola oficina, Garaje Producciones traballa tanto na contratación como na organización das saídas e dos eventos. Tamén están Dani, que é o road manager, os nosos técnicos… O que hai que ter claro é que nun proxecto como Dakidarría temos que estar todos a unha e temos que antepoñelo a outras cousas. É moi sacrificado en moitos aspectos: sacrificas vacacións, tempo coa familia, incluso outros proxectos musicais ou doutro estilo que teñas porque para estar aquí tes que estar a tope. Con esa premisa, se a xente está disposta a dalo todo para poder acudir a diferentes citas que supón Dakidarría, pois moito máis sinxelo, e máis aínda con todo o equipo humano que rodea a banda. Xa levan nove concertos, tres deles fóra de Galicia.

Como se está recibindo esta xira de celebración?
É moi emocionante porque é unha xira na que estamos lembrando cancións que había moito tempo que non tocabamos, entón aparece moita xente que apoiou o grupo desde o principio a darche as grazas. Deste xeito, podes coñecer fans que son máis lonxevos, sen desatender ás novas músicas que vimos facendo ultimamente, e que tamén forman parte destes anos. Ao mesmo tempo creo que é un repertorio no que pasan moitas cousas ó nivel de posta en escena e o público agradéceo. Os concertos están sendo un auténtico festón, a xente engorílase moito, víveno a tope e agardan a Dakidarría con ansia e bótanno todo fóra co noso show. Temos unha unión co noso público que é marabillosa, cada ano supéranse. Non podemos estar máis agradecidos e contentos.

E que esperan dos que quedan?
Esperamos que continúen na mesma tónica, que todo siga igual porque está sendo unha xira para lembrar. Nunca poñemos grandes expectativas en nada, senón que simplemente tratamos de facer o noso do mellor xeito posible, co maior coidado e delicadeza, sendo detallistas e deixando o noso peito e corazón en cada cousa que se fai baixo o nome de Dakidarría. Iso despois creo que se nota e todo volve en forma de público agradecido polas cancións. É o que esperamos, que a nosa xente non desapareza, que siga aí sempre.

Farán un "concerto especial" no Revenidas. Por que escolleron este en concreto para facelo?
A festa grande, o noso aniversario de verdade vaise celebrar o día 9 de setembro no festival Revenidas en Vilaxoán. O Revenidas é unha peza fundamental dos últimos dez anos da banda e foi unha peza fundamental ademais no momento do cambio do idioma. Foi un festival que nos apoiou e nos axudou moitísimo nesa decisión. Vimos actuando nel ininterrumpidamente dun xeito ou doutro durante a última década. Estamos moi ligados a el ao ser un festival mariñeiro como a nosa zona de Val Miñor. Adáptase aos tempos, pero non muda nada na esencia, algo que é moi de loar nos últimos anos, é leal e un símbolo da galeguidade festivaleira.

E pode dar un pequeno adianto de como será?
Vai ser un concerto de longa duración. Ademais de incluír todo o repaso ao pasado tamén incluiremos algunhas cancións máis que non vimos tocando neste ano. Tamén vai haber moitas colaboracións de moi diversa índole, que non imos desvelar, e hai algunhas cancións que vai ser unha ocasión única de escoitalas. Estase realizando tamén un documental sobre os vinte anos da banda e ese día vai haber unha especie de cobertura. É un día para esa galeguidade festivaleira que hai que marcar en vermello no almanaque. Sei que toda a xente que nalgún momento formou parte como público ou compartiu algo con nós vai estar ese día no Revenidas. Non é algo que vaiamos ofrecer, senón que ofrece a maxia e a simbiose entre festival, público e banda.

Que teñen pensado facer unha vez rematada a xira?
Como todos os anos, non temos absolutamente ningún plan. Xa temos concertos para o ano que vén e pois toca seguir vivindo (ri), experimentando e facendo música. Xa hai ideas a nivel musical para gravar, pero un plan fixo non temos. Continuaremos facendo o que sabemos facer: cancións e concertos.

Vinte anos sobre os escenarios dán para moito. Como os resumiría?
É moi difícil atopar palabras. Ten en conta que son vinte anos de Dakidarría e da miña vida. Levo vinte anos facendo isto e téndoo como prioridade, pensando día e noite, compoñendo, realizando, viaxando, tocando, moita loita e moita perseverancia. Resúltame moi difícil poder resumilo dun xeito eficiente, non teño palabras.

E con que momentos se quedaría?
Momentos especiais houbo varios, claro que si, pero tampouco atoparía nada moi en concreto. Dakidarría foi un grupo que medrou moi pouco a pouco e o momento máis especial foron estes últimos vinte anos.

"Movémonos por un empuxe que vén do corazón e non por unha recompensa do futuro"

Colaboraron con diversos artistas do talle de Tanxugueiras, Nao ou Evaristo Páramos, actuaron en multitude de festivais e a súa canción Terra é considerada todo un himno. Queda algún soño por acadar co grupo?
Os nosos primeiros soños eran tocar nun bar, logo tocar en Vigo e fóra de Pontevedra e todo iso fixémolo. Actuamos en Latinoamérica, en Europa e fixemos nos últimos dez anos oito Viña Rocks… Conseguimos moitas cousas que nalgún momento foron o noso obxectivo. Hoxe en día sempre hai cousas que queres facer. Eu como músico do Val Miñor, con Vigo ao lado, encantaríame tocar un día en Castrelos e tamén na Praza do Obradoiro. Sempre aparecen novos retos que te sorprenden, pero tampouco nos movemos por iso. Movémonos por un empuxe que vén do corazón e non por unha recompensa do futuro.

Agardan permanecer na escena "polo menos 20 anos máis". Que lle espera a Dakidarría nestes próximos anos?
Supoño que envellecer (ri) Quédanos seguir facendo o noso, o que sabemos facer e o que nos gusta. Ata que o corpo ou a mente aguanten, que ás veces é moi duro manter isto vivo e ser unha persoa fóra da música. Seguiremos resistindo nesta trincheira e facendo cancións e concertos. É o único que temos na cabeza desde 2003.

Cal é o mellor agasallo que lles poden facer os fans polo aniversario?
Acudir ao concerto especial do Revenidas con vontade de festexar colectivamente. Dakidarría non é só unha banda de música, senón que xa é un movemento colectivo que entende quen estivo dentro ou ligado a nós. Para moita xente somos parte da música da súa xeración, e creo que nese concerto é importante que esteamos todos e todas porque vai ser unha noite que durará anos e que será eterna. Para min, telos alí dando folgos e facéndonos voar no escenario será o mellor agasallo que me poida dar a xente.