O Curtas arranca este venres co primeiro cartaz de aforo completo

Máis de 700 nenos e nenas de diferentes colexios da contorna asistirán á actividade didáctica Melodías Fantásticas
Curtas Festival do Imaxinario en Vilagarcía. DS
photo_camera A exposición do Curtas Festival do Imaxinario xa está dispoñible na Sala Rivas Briones. DS

A LI edición do Curtas-Festival do Imaxinario arranca oficialmente este venres cun programa que terá como principais protagonistas ao público infantil e xuvenil e ao audiovisual galego. Como novidade deste ano, o festival abrirase cun multitudinario concerto didáctico no que escolares de sete centros educativos tomarán contacto de forma amena e moi instrutiva coas orixes do cine fantástico e de ciencia ficción. As proxeccións de películas e curtametraxes da tarde centraranse en traballos galegos para dar paso á inauguración oficial do certame deste ano coa proxección do clásico de 1925 A pantasma da ópera, película de cine mudo cuxa ambientación musical en directo correrá da man do sexteto Caspervek e da soprano Beatriz Arenas.

Máis de 700 nenos e nenas de diferentes colexios da contorna asistirán á actividade didáctica Melodías Fantásticas que terá lugar ás 12.00 horas do venres 27 de outubro no auditorio de Vilagarcía. O primeiro evento da programación de Curtas, propón unha viaxe pola orixe da ciencia ficción e do cinema fantástico e a súa música da man do ensemble Caspervek, especializado da composición e musicalización en vivo de filmes da era silente. No evento descubrirán que moitas das grandes iconas do cine de xénero tiveron unha primeira versión muda, como Drácula, Frankenstein, Alicia ou incluso o Dr. Jekyll. Tamén coñecerán ós grandes pioneiros do xénero, como o francés Georges Méliès e o aragonés Segundo de Chomón, achegándolles ó seu máxico xeito de facer cinema. Incluso algúns afortunados poderán subir ó escenario e tocar con Caspervek a música dunha curtametraxe de Méliès. Por último, afondarase na vida dos grandes actores do cinema fantástico da época, como Max Shreck, que deu vida a Nosferatu ou o gran Lon Chaney, xenio do disfraz e da caracterización.

A actividade centralizarase pola tarde no Salón García. A partir das 16.00 horas comezarán as proxeccións con dúas películas de estrea en Galicia. A da coprodución arxentina/colombiana Auxilio, el poder del pecado e a estadounidense Dark Tales, ámbalas dúas do ano 2023.

Catro estreas mundiais con denominación de orixe

Ás 19.00 horas, no apartado Feito en Galicia Vol.1 proxectarase unha selección de curtas galegas de diferentes xéneros. Son A maleta de Eva de Federico A. Rioboo, Carraxe de Muriel Pernas, Morte e o meu Avó de Gon Caride, O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e O Neno Sardiña de Lucía Estévez. Nesta mesma sesión proxectaranse as estreas mundiais Co demo no corpo de Antonio Caeiro, Doente de Noelia Sánchez Souto, El visitante de Sergio Pérez e Frenia de Óscar Doviso.

O público en xeral que teña reservado a entrada a través da app do Curtas, así como as autoridades e convidados participarán no acto inaugural que terá lugar no mesmo Salón García a partires das 21.00 horas