Cultura achega 4.000 euros ao Cine Club Ádega para o sostemento das actividades

O convenio ten como obxectivo difundir as artes cinematográficas, promocionar o asociacionismo cultural e facilitar o acceso da cidadanía á arte e a cultura

O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS

No marco da colaboración que a Concellería de Cultura de Vilagarcía presta ás entidades sen ánimo de lucro que contribúen a dinamizar a actividade cultural do municipio, a administración local vén de conceder unha subvención directa ao Cine Club Ádega por importe de 4.000 euros. 

A axuda formalizouse coa sinatura do convenio para o sostemento da programación a desenvolver durante todo o ano 2023 por parte da asociación creada en 1976. Na actualidade, Ádega conta cunha programación ordinaria, cun mínimo de dúas proxeccións mensuais no Salón García, e outra de carácter extraordinario consistente na organización da Semana de Cine, evento no que ademais dos tradicionais pases de películas se inclúe cine ao aire libre, sesións con música en directo e outras actividades complementarias como obradoiros ou conferencias.

 Ademais, o Cine Club colabora co Concello xestionando películas para programas municipais como os dos actos contra a Violencia de Xénero ou Día da Muller Traballadora, entre outros. A axuda do Concello xustifícase no marco das competencias que a lexislación lle atribúe no referente ás instalacións culturais municipais e aos seus contidos, citándose entre os seus propósitos a formación, fomento, promoción e produción de actividades musicais; así como o apoio ao desenvolvemento de actividades culturais de interese xeral. Entre as que o cine e o audiovisual son unha prioridade para Vilagarcía. En consecuencia, a subvención concedida a Ádega está destina a financiar actividades que difundan as artes cinematográficas, a promocionar o asociacionismo cultural e a participación veciñal no ámbito da cultura, así como a facilitar o acceso á arte e á cultura, en especial ás artes cinematográficas.