A cuberta da bancada do Municipal de Vilaxoán substituirase no verán

O Goberno de Vilagarcía vén de adxudicar á obra por un importe de 43.334 euros
Partido decisivo por el ascenso entre el San Martín y el Cerponzóns. DAVID FREIRE
photo_camera Ambiente en las gradas durante el partido decisivo por el ascenso entre el San Martín y el Cerponzóns. DAVID FREIRE

O Concello de Vilagarcía xa ten planificada unha nova actuación para a mellora das infraestruturas deportivas de titularidade municipal. Neste caso, a obra a executar durante os meses de verán afectará ao campo de fútbol de Vilaxoán e consistirá na substitución da cobertura da bancada. A actuación foi adxudicada por importe de 43.334 euros, que se financian a través do Plan Concellos da Deputación.

A obra a realizar afectará tanto á cuberta como á estrutura de formigón que a sustenta. En relación a esta última, procederase a reparar todos os elementos (soportes, zancas, riostras…), farase unha limpeza con pistola de area das armaduras descubertas, así como o desoxidado das mesmas para, finalmente, aplicar unha capa de imprimado, protección con resina e reconstrución final con microformigón.

Tamén se actuará no armazón da cuberta, que se limpará e ao que se aplicará un tratamento superficial nas partes metálicas. Finalmente substituirase o material de cubrición. A actual cobertura composta por unha chapa sinxela, cambiarase por outra de panel sandwich nervado formado por dúas láminas de aceiro prelacadas con resinas plásticas termoendurecibles. A cuberta contará cun illamento intermedio de polisocioanurato e irá fixada con parafusos de aceiro inoxidable. A intervención complétase co remate de bordes e cumieiras e a instalación dos correspondentes canelóns e baixantes de recollida de pluviais.

Esta nova obra proxectada pola Fundación Municipal de Deportes vén a complementar a que se realizou hai dous anos cun investimento de 200.000 euros e que permitiu a renovación integral da herba artificial do terreo de xogo, así como o reforzo dos muros do estadio. Nesa intervención reconstruíuse por completo en formigón armado e aceiro a parede do fondo norte, que presentaba problemas de inestabilidade, e o muro da banda leste acondicionouse e pintouse. Anteriormente, no campo de Vilaxoán xa se levara a cabo a reforma dos aseos públicos, seguindo a liña de mellora constante das instalación que está a levar a cabo o organismo que preside Miro Serén.

O San Martín CF visita o Concello
O anuncio desta obra no campo de fútbol de Vilaxoán coincide na mesma semana na que o alcalde, Alberto Varela, e os concelleiros de Deporte, Argimiro Serén, e Seguridade Cidadá, José María González, recibiron no Salón Nobre do Concello aos membros do San Martín CF en recoñecemento polo seu ascenso a 1ª Autonómica. Unha entidade deportiva de Vilaxoán que verá melloradas as instalacións na que xoga o seus partidos e ademáis nunha categoría superior. No final da tempada recén rematada o campo de fútbol de Vilaxoán acolleu o prato forte da xornada decisiva en Segunda Autonómica. San Martín e Cerponzóns se daban cita no Municipal para decidir a última praza libre polo ascenso a Primeira Autonómica. Pero o colexiado acabou suspendendo un encontro que rematou cunha tangana formada sobre o terreo de xogo tras marcar o 1-0 os locais no minuto 87 e recibir un botellazo dende a grada por parte dun siareiro que no foi identificado.