Vida Salnés

Covadonga López: "O idioma galego sálvase con amor ás raíces"

Alberto Avendaño (xornalista) e José Luiz Oubiña (fotógrafo), inician a sección de entrevistas semanal 'Vida Salnés' na que buscarán reflectir a alma da xente da comarca. Covadonga López, directora do CEIP San Bartolomé en Tremoedo (Vilanova de Arousa), é a primeira en pasarse polo set de 'O Faiado da Memoria' para contar a súa historia
photo_camera Covadonga López, directora do CEIP Pluringüe San Bartomé (Vilanova de Arousa). JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Cando era nova aborrecía a educación formal e os deberes e todo iso. Hoxe son directora dun colexio público. Sempre fun boa estudante; pero, como dicía miña nai, tiña un problema coa autoridade. Crieime e vivín toda a miña vida en Vilagarcía de Arousa, aínda que tiven a oportunidade de viaxar e ver mundo. Fun a primeira da miña familia materna en facer estudos superiores e todo foi grazas ao sistema público. O único que intento agora é devolver ese servizo á sociedade. Sei que pode soar moi poético pero eu creo niso, en devolverlle á sociedade da maneira que sexa. Son Covadonga porque meu pai é asturiano, pero os seus pais eran galegos e eu nacín no día da patroa de Asturias. 

No Salnés temos unha maneira de vivir moi nosa e que meterce a pena

Son tenaz, cabezona, teño carácter e intelixencia para encher unha piscina e iso ás veces é moi bo e outras, non tanto. Eu definiríame como unha persoa normal, cando a normalidade non está tan de moda porque seica todos temos que ser dalgunha maneira especiais. Son sinxela. Síntome profundamente do Salnés e xa que me preguntas como somos, direiche que a pregunta é tan interesante, como imposible de responder. Porque nun mesmo municipio, dependendo da zona na que vivas, tes unhas características ou outras. Eu vivín uns anos en Vilaxoán, unha xente que adoro pero son algo especial, é xente do mar e vive sen medo ao que dirán; ásperos, se cadra, para algúns pero pronto te acollen e son xente fantástica. No Salnés temos unha maneira de vivir moi nosa e que merece a pena. 

O maior reto de traballar no rural?
Primeiro, non hai nada negativo na palabra reto. Como ti ben sabes, esa é a maneira en que avanzamos e como descubrimos. Eu teño debilidade polo rural. Non podería vivir nun sitio que non tivera un núcleo urbano, porque os centros culturais están nas urbes. Entón, un dos grandes retos radica en achegar aos nenos a ese foco cultural. Temos nenos que ao mellor non teñen tantas experiencias vitais como os da urbe, pero pola contra teñen unhas vivencias máis auténticas, máis en contacto coa natureza. Moitos deles están moi en contacto cos seus avós, e iso non ten prezo porque a nosa xente maior é o noso gran tesouro, e son unha gran fonte de aprendizaxe para eles. E poden seguir en contacto con esta vida pausada, lenta, de saber escoitar e de saber observar. Aínda que son nenos influenciados tamén pola sociedade que nos rodea.

Covadonga López para 'Vida Salnés'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Covadonga López é directora do CEIP San Bartolomé en Tremoedo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Sigamos con retos: Como ves o galego no ensino?
O universo da lingua na miña escola é un reflexo do que pasa na sociedade. Eu cheguei a este colexio (CEIP San Bartolomé en Tremoedo, Vilanova de Arousa) en 2008 e xa daquela había unha perda grande de galego falantes. Uns sete ou oito anos antes de chegar eu, case o 90% do alumnado era galego falante, segundo a documentación do departamento de normalización lingüística do centro. Pero nestes momentos podo contar cos dedos dunha man os nenos galego falantes. Ollo, digo galego falantes, non que falen galego na escola. É dicir, eu fálolles galego e eles responden en castelán. Por que? Porque os medios e a tecnoloxía coa que se relacionan está en castelán. Saben falar galego? Si, porque están en contacto cos avós. Moitos pais falan galego entre eles pero aos fillos fálanlles en castelán. Á hora de producir a eles cústalles o mesmo esforzo que expresarse en inglés, e non estou esaxerando. Solucións? Hai que traballar coas familias porque non son conscientes de que o galego se fala, e se  non se fala, pérdese. Moitos ven isto como algo afastado, como unha realidade paralela e non é así, estamos perdendo galego falantes e hai estudos que din que se non facemos un esforzo, en 50 anos perdemos o noso idioma. Na escola temos os recursos para fomentar que falen pero ao final é un tema social e resulta complicado reverter iso agora mesmo. Pero non é todo tan negativo como parece. Empézanse a ver gromos, moita xente concienciada que retorna ao galego ou que o utiliza indistintamente, navegando entre galego e castelán. 

O galego é riqueza e cultura e a ver se dunha vez cala fondo e conseguimos o cambio

Tamén temos que superar o tema da autoestima. Temos vergoña como galegos de falar o noso. Seica sempre son mellores os demais. O galego é riqueza e cultura e a ver se dunha vez cala fondo e conseguimos o cambio. Fixemos enquisas (entre os nenos, os pais, as familias) e había moitas respostas sobre que o galego non sirve para nada, que non xera emprego, que o galego está relacionado cun universo socioeconómico baixo... é triste que isto siga aínda presente na nosa sociedade. Ata que punto estamos dispostos a sacrificar a nosa lingua por adoptar esa lingua do chamado “éxito”?

Esperanzas?
As Tanxugueiras e movementos dese tipo, como o Dígocho Eu, poden axudar. A esperanza polo galego hai que construíla desde o amor, desde o agarimo. Conservar e lembrar esas expresión que che dicían na casa. O que che toca o corazón é o que fai que as cousas se movan e o futuro do galego pasa por aí.

Por exemplo?
“Vas atrapar!” Cando lembro esa frase, vexo á miña nai poñendo a man daquela maneira. “Outra vaca no millo!” Esas expresións son fantásticas porque as mamamos. Na escola facemos listas con expresións que os rapaces traen porque llas dixo o avó ou a nai. Iso vincúlaos coa raíz galega. A min vincúlame con aquela rapaza que cachaba patacas e ía á vendima.

Covadonga López para 'Vida Salnés'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A Covadonga López apasiónalle o deporte . JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Algunha vez sentiches discriminación por ser muller?
Todas as mulleres, nalgún momento das súas vidas, viven algún tipo de discriminación. Quédanos camiño por andar pero os estereotipos de xénero son difíciles de erradicar, non se superan séculos en poucos anos. Eu entrei como directora con 32 anos e era moi nova, pero se es vella porque es vella, e se che din que non das o perfil, falan do perfil físico non da intelixencia. Eu mesma cheguei a plantexarme se debía dar o paso. Pero quería dar o paso porque liderar é algo que me fascina Creo que non hai nada mellor que poder enfocar á xente para aquilo que quere lograr. Na aula, cos nenos, cun equipo de persoas para lograr que os nenos consigan unha boa formación, calidade educativa. E eu cheguei a dubidar, pregunteime se daba ese perfil, se cadra pola presión social. É dicir, nós mesmas temos que superar os nosos propios temores. Discriminación? Si, pero temos avanzado moito e hai que seguir.

TEST DE VIDA
Unha palabra?
Zapatillas
Un lugar?
Tremoedo.
Unha persoa?
A miña avoa Maruja, hoxe sería presidenta do goberno como mínimo.
Unha personaxe?
Estas son preguntas imposibles para min. Non son capaz de escoller. Acabo de pensar en Simone de Beauvoir. E agora penso en Coco Chanel: A moda foi moitas veces por diante da emancipación da muller. E que tal Machiavelo?
Alguén importante?
Calquera dos nenos do meu colexio.
Un obxecto?
O meu reloxo deportivo, os meus zapatos de tacón. Espera! Isto é como preguntar a quen queres máis, a papá ou a mamá? Non, o meu reloxo deportivo. 
Alguén imprescindible?
Ninguén é imprescindible. Non hai ninguén imprescindible na miña vida. Hai que aprender que a xente está e a xente marcha.
Que é a vida?
Un compendio de emocións e hai que pasar por todas elas, as máis positivas e as máis negativas. Merece a pena. Como responder a esas emocións é o que fai a diferencia entre as persoas.