O convenio de Lantero incorporarase ao Plan Xeral de Urbanismo conforme á normativa en vigor

Advirten que as condicións urbanísticas recollidas no convenio orixinal son inviables coa actual normativa, de aí que non se puidera engadir ao PXOM o documento ata a súa adecuación á lei

Fábrica de Lantero. DP
photo_camera Fábrica de Lantero. DP

O convenio urbanístico asinado no ano 2004 entre o Concello de Vilagarcía e os propietarios de Lantero para a recalificación dos terreos da antiga fábrica na avenida Rosalía de Castro incorporarase ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. Como non podía ser doutro xeito, o goberno local acata a decisión do TSXG e cumprirá coa resolución xudicial, que se refire única e exclusivamente ao feito de non terse incluído o convenio no PXOM, e que non entra a valorar os aspectos urbanísticos. En consecuencia, e tamén somo se indica no fallo, o convenio será incorporado ao Plan conforme á normativa urbanística actualmente en vigor.

Este foi precisamente o punto de conflito que derivou na situación actual: as condicións recollidas inicialmente no convenio non cumpren coa lexislación vixente, de aí que non se puidera incorporar ao PXOM nesas circunstancias. Este extremo foi incluso consultado e confirmado con responsables e técnicos da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio.

Independentemente de que esta situación de irregularidade se produce dende o ano 2006, o actual executivo non escatimou esforzos para tratar de buscar unha solución a este conflito. Os mesmos afectados recoñecen no seu comunicado as negociacións que durante tres anos se mantiveron para desbloquear o asunto, velando o executivo local pola defensa dos intereses xerais de Vilagarcía. De feito, e tamén como recoñecen dende Lantero, estaba sobre a mesa unha proposta asumible por ámbalas dúas partes que finalmente non prosperou porque os propietarios querían que se aprobara o novo convenio e deixar igualmente aberta a vía do orixinal, duplicidade que o Concello non aceptou polo prexuízo que isto podería supoñer para os interese s xerais da cidade.

Utilización do conflito con fins electorais

A maiores das aclaracións sobre a sentencia emitida polo TSXG -que non será recorrida por parte do Concello- o executivo socialista tamén se dirixe aos grupos da oposición que están tratando de aproveitar un problema xerado e que se vén arrastrando dende hai 16 anos para atacar ao goberno local manipulando os feitos. Mentres este goberno se esforza por buscar o equilibrio entre respectar os dereitos lexítimos dos propietarios de Lantero e garantir o interese xeral da cidade, outros están xa en modo precampaña e non dubidan en mentir e distorsionar a realidade co único obxectivo de tratar de mellorar os resultados na próxima cita electoral. Cómpre lembrar que algún dos grupos que agora responsabilizan a este goberno de incumprir o convenio e de causar un grave prexuízo aos propietarios de Lantero, non hai tanto tempo demandaba que a totalidade deses terreos se recollerán no PXOM como parque público.

Non menos censurables son as declaracións de quen pretende amedrentar á cidadanía con proclamas demagóxicas e alarmistas preguntando "canto lle vai a costa resto ao Concello". Sobre todo, cando dende Lantero sempre se manifestou que o único obxectivo que perseguen e que se materialice o convenio para poder desenvolver urbanisticamente os terreos e obter así o beneficio que iso lles reportará. O custe será ese: adaptar o convenio á actual normativa urbanística e incorporalo así ao no PXOM.