A conselleira de Emprego visita a FECA para coñecer as necesidades das empresas

María Jesús Lorenzana presentou unha nova ferramenta informática que pretende poder intercambiar datos en canto á oferta e demanda dos traballadores
Visita da Conselleira de Emprego María Jesús Lorenzana á FEGA en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Visita da Conselleira de Emprego María Jesús Lorenzana á FECA en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A conselleira de Emprego e Igualdade María Jesús Lorenzana visitou esta mañá a oficina da Federación Comarcal de Empresarios de Arosa (FECA) en Vilagarcía no ciclo de reunións que se están a dar con todas as asociacións, federacións de empresarios e clústers empresariais co fin de manter contacto directo coas empresas do sector para coñecer de primeira man as necesidades que teñan.

Lorenzana quixo felicitar á FECA polos "máis de 30 anos de asesoramento, nos que traballan con autónomos e empresarios de todo o Salnés" e propuxo por en funcionamento de inmediato as novas ferramentas que ten a Consellería de Emprego. Trátase dun novo instrumento informático para o servizo de emprego de Galicia que pretende que se adhiran a él todas as federacións de empresarios para poder intercambiar datos en canto á oferta e demanda de traballadores e mellorar polo tanto a orientación laboral e a colocación. 

Dende a Concellería expuxeron tamén a necesidade de que as empresas e os autónomos poidan acceder á totalidade das axudas e dos apoios económicos que a entidade pon á súa disposición, como os 37 millóns de euros para apoiar a creación de novos autónomos e para o apoio da súa modernización en canto ás contratacións. 

Lorenzana insistiu na importancia de que os empresarios coñezan a formación dual de emprego, de cara a que sexan cada vez máis os que utilicen eses apoios públicos e dese xeito ter unha colaboración público-privada fluída para mellorar o emprego en Galicia. 

A FECA trasladou a súa preocupación pola pouca demanda de certos sectores durante o verán, ao que Emprego respostou que esa nova ferramenta de emprego que está a punto de ser lanzada podería ser a solución ao problema se ben precisan contar co maior número de asociacións e federación adheridas para ter toda a información necesaria para axudar ás empresas.

A conselleira mantivo un encontro co alcalde de Vilanova para avanzar en futuras colaboracións

María Jesús Lorenzana asistiu tamén a un encontro co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, no que abordaron algúns dos programas que esta a entidade local está a desenvolver co apoio da Xunta no eido da igualdade e da mellora da empregabilidade no municipio. 

O departamento de Lorenzana está a destinar este ano preto de 300.000 euros a apoiar no Concello iniciativas en materia de igualdade e emprego. Con estas actividades axúdase ao desenvolvemento de programas de conciliación e de promoción de igualdade así como ao mantemento do Centro de Información á Muller da localidade.

No que respecta ao emprego, a Xunta colabora con esta entidade local na contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local e de persoas en situación ou en risco de exclusión social así como co servizo de información, orientación e busca de traballo e no desenvolvemento de accións formativas dirixidas a persoas en desemprego.

Así, dende o ano 2009 Vilanova recibiu case 3,2 millóns de euros en axudas procedentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade divididas en: 1,2 da área de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; 1,3 da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación e máis de 600.000 euros de Igualdade.