A conexión de fibra amplíase a sete novas zonas do rural e do extrarradio vilagarcián

Beneficiará ás rúas Sarxento Solla e Carballeira (Cea), Veiga de Abaixo (Sobradelo), a O Areeiro (Solobeira), Monte Xaquín (A Laxe), rúa Cruceiro (Galáns) e a Os Anxos (Trabanca Sardiñeira)
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Sete novas zonas do rural e do extrarradio de Vilagarcía que na actualidade carecen de conexión a internet disporán de infraestrutura de banda ancha nos vindeiros meses grazas á nova fase do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais ÚNICO que está a desenvolver o Goberno Estatal a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, financiado con fondos europeos.

O Consello da Xerencia de Urbanismo do Concello concedeu xa a licenza para a execución dos traballos que estenderán a infraestrutura de telecomunicacións as rúas Sarxento Solla e Carballeira (Cea), a Veiga de Abaixo (Sobradelo), ao lugar do Areeiro (Solobeira), a rúa Monte Xaquín (A Laxe), a rúa Cruceiro (Galáns) e a rúa Os Anxos (Trabanca Sardiñeira). Estes novos traballos para a ampliación da infraestrutura serán executados por Telefónica-Movistar, tal como figura no convenio.

Antes desta actuación xa se tiñan desenvolvido en Vilagarcía fases anteriores do Plan ÚNICO e está prevista a realización de outras máis a ta o remate do ano 2024. Lugares de Rubiáns, Trabanca Badiña, O Sixto, Fontecarmoa, A Lomba, Vilaxoán, Cornazo, Faxilde, Vilaboa ou Bamio tamén se beneficiarán do plan ÚNICO.