O Concello de Vilagarcía propón volver a conxelar as taxas municipais para 2023

O Concello xustifica esta decisión na necesidade de non sobrecargar ás economías da cidadanía trala crise da pandemia e a inflación. Tamén se facilitará a obtención da bonificación do imposto de circulación a persoas con discapacidade
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Conxelar os impostos e taxas municipais. É a proposta do Goberno de Vilagarcía para o  exercicio de 2023. O obxectivo, asegura o Goberno local, é conter a presión fiscal aos vilagarciáns. As únicas excepcións son as taxas da auga e depuración que, por compromiso contractual, se verán incrementadas en base á variación do IPC. Este será o sétimo ano consecutivo no que o executivo socialista que preside Alberto Varela, avoga por conxelar as taxas e impostos municipais .

Tal e como indican desde o Concello, esta decisión xustifícase na necesidade de non sobrecargar ás economías dos vilagarciáns en tempos difíciles trala crise xerada pola pandemia do covid, asi como o encarecemento dos prezos e dos custes enerxéticos como consecuencia do conflito bélico de Ucraína. "A conxelación de taxas supón un importante esforzo que o Concello asume en beneficio dos veciños", indican desde o organismo local.

Así, coa conxelación de taxas, o Goberno local trata de axudar ás economías domésticas á vez que manter un certo nivel de ingresos que permita ao Concello facer fronte aos gastos correntes para garantir o correcto funcionamento dos servizos municipais, así como financiar os programas e axudas de carácter social que se prestan dende a Administración local. Neste sentido, o Concello lembra que as ordenanzas tamén prevén distintos tipos de bonificacións das que se poden beneficiar os contribuíntes.

Aproveitando a revisión das ordenanzas, o Goberno local de Vilagarcía propón un cambio para facer máis fácil a obtención da bonificación do imposto de circulación (IVTM) destinada a persoas con discapacidade, de xeito que non se esixirá que o beneficiario figure no seguro do vehículo.
 

Ordenanza de Transparencia

A Xunta de Voceiros serviu ademais para trasladar á oposición o modelo da Ordenanza de Transparencia redactada pola Federación Española de Municipios e Provincias co obxecto de iniciar a súa tramitación.

Para ir adiantando asuntos, o  Goberno de Alberto Varela tamén comunicou aos voceiros os cambios introducidos no Regulamento de Uso de Funcionamento dos Mercados Públicos (Prazas de abastos) consecuencia das alegacións presentadas ao documento despois da súa aprobación inicial no Pleno.

Por último, tamén se lles informou aos voceiros de que o Pleno de Honra para proceder ao nomeamento de Agustín Pereira como Fillo Predilecto da Cidade celebrarase o sábado, 19 de novembro.