O concello de Vilagarcía gañou 132 habitantes no último ano, ata chegar aos 37.677

O Instituto Nacional de Estatística comunicou os datos oficiais tras a última revisión do padrón municipal
photo_camera Ambiente nas rúas de Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía continúa gañando poboación, segundo o demostran os datos oficiais que vén de comunicar o Instituto Nacional de Estatística tras a última revisión do padrón municipal. Segundo o organismo, Vilagarcía gañou no último ano 132 veciños, co que a poboación municipal ascende actualmente a 37.677 habitantes.

Cabe lembrar que a revisión do padrón é un trámite que o INE realiza de forma anual, cotexando e contrastando as altas e baixas que se rexistran nos padróns municipais dos concellos, avaliando as súas posibles alegacións. Deste xeito, garántese que os padróns dos respectivos municipios están convenientemente actualizados e que non rexistran duplicidades dunha mesa persoa. Esta revisión abarca sempre o periodo de 12 meses anteriores ao ano en curso, polo que os 37.677 habitantes de Vilagarcía son a cifra oficializada a 1 de xaneiro de 2022.