A Policía Local contará cun renovado camión guindastre nos vindeiros meses

Estará dotado con todos os equipamentos necesarios para efectuar a retirada de automóbiles das rúas, así como cos sistemas de iluminación e rotulación regulamentarias ▶ O novo vehículo policial substituirá ao actual que se avaría con frecuencia debido a súa antigüidade e para o que xa non existen pezas de recambio

Grúa Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera Antiguo camión guindastre de Vilagarcía. DS

A Policía Local de Vilagarcía estreará nos vindeiros meses un novo camión guindastre para realizar as labores de retirada de automóbiles das rúas da cidade. O Concello adica 92.464 euros dos orzamentos municipais á adquisición do novo vehículo co que se continuará renovando e mellorando os equipamentos do corpo municipal. O proceso de licitación xa está en marcha e as empresas interesadas dispoñen de prazo ata o día 7 de decembro para realizar as súas ofertas.

A compra é unha necesidade de certa prioridade debido a antigüidade e ao uso intensivo que acumula o actual guindastre. Estas circunstancias fan que sufra avarías de forma frecuente e que o custe do arranxo sexa moi elevado debido a que xa non existen pezas de recambio no mercado, polo que hai que fabricalas especialmente.

O novo vehículo será do tipo furgón ou camión lixeiro, con motor adiantado, capacidade para tres ocupantes (condutor incluído), carrozado como guindastre de arrastre e non poderá superar os 2,40 metros de alto para que poida entrar no actual depósito municipal de vehículos. Estará dotado con motor diésel con potencia igual ou superior aos 150 cv. Ademais de contar con todos os equipamentos e ferramentas necesarias para realizar as labores de retirada de vehículos, o guindastre deber& #225; dispor dos sistemas regulamentarios de seguridade, iluminación e rotulación.

Ademais de que a entrega deberá realizarse co vehículo xa matriculado a nome do Concello e en perfecto estado para a súa posta en circulación de forma inmediata, a adxudicataria terá que dispoñer de taller da marca do vehículo ofertado ou taller concertado en Vilagarcía co obxecto de minimizar o tempo de desprazamento e reparación no caso de posibles avarías tanto no camión como no guindastre. No contrato inclúese tamén un curso básico de formación e funcionamento para os condutores.

Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a adxudicataria disporá dun prazo de cinco meses para subministrar o vehículo perfectamente adaptado aos requirimentos especificados nas bases.