Saen a licitación as obras da nave que acollerá á Escola Municipal de Actividades Acuáticas

O orzamento é de 75.000 euros ▶ O adxudicatario terá 5 meses para levar adiante a obra ▶ O edificio conta cunha superficie útil de 1.751 metros cadrados

(_LO_7306.JPG) AGN VILAGARCIA DE AROUSA Pontevedra 12 30 h O secretario xeral para o Deporte Jose Ramon Lete Lasa presentara a Semana Olimpica de Galicia e Campionato de España de 470 No Centro Galego de Vela Rampa Cavadelo s n Enviarase nota de prensa
photo_camera Centro Galego de Vela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha das aspiracións do deporte náutico local, pero tamén da propia Fundación de Deportes, está a piques de ser unha realidade: dende hoxe, a Plataforma de Contratación do Estado contén a licitación da reforma da antiga nave de Alfogar, no porto comercial, para destinala á Escola Municipal de Actividades Deportivas. O presuposto é de 75.000 euros e o prazo de execución, unha vez adxudicadas as obras, é de 5 meses. O prazo de presentación de ofertas concluirá o vindeiro día 17 de novembro, de xeito que superados todos os trámites, as obras poderán iniciarse nas primeiras semanas do 2023.

Cunha superficie de 1.751 metros cadrados, a nave conta coa vantaxe de que na súa parte oeste existe unha rampla, de xeito que permitirá o acceso directo das embarcacións deportivas ao mar. Ademais, dentro, hai un gran superficie diáfana, de pouco máis de mil metros cadrados, para o resgardo e coidado das embarcacións. Na mesma planta baixa hai outro espazo, de case 300 metros cadrados, que se dedicará a sala de preparación física (181 metros cadrados) e vestiarios.

Xusto enriba desta zona, na planta superior haberá outros 300 metros cadrados dispoñibles, que seguirán mantendo a mesma estrutura que ata agora, é dicir: 8 despachos que van dende os 24 metros cadrados (o máis pequeno) ata os 56 (o máis grande), ademais dos correspondentes aseos. Así como na planta baixa haberá que actuar derrubando tabiques e creando novas divisións, ademais de arranxar un pano da parede de bloque que sufriu danos, na distribución superior apenas se farán modificacións, máis alá do repaso das instalacións e a pintura de todos os locais.

A creación da nave de usos náuticos é un proxecto no que leva traballando varios anos o goberno local, e que non se puido desbloquear ata que o alcalde, Alberto Varela, e o presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, abriron unha nova etapa na relación cidade-porto. Foi así como se logrou que a Autoridade Portuaria aprobara, no pasado mes de xullo deste mesmo ano, a concesión desa nave. Posto que, segundo a Lei de Portos, as actividades de formación náuticas están exentas do pago de taxas, o concello só terá que aboar –e cunha bonificación do 50%- o corresponde ás actividades "deportivas", é dicir, polos 181 metros cadrados correspondentes á zona de preparación física, na planta baixa. En definitiva, pouco máis de 1.700 euros ao ano. A concesión é por dez anos.