Vilagarcía recupera as viaxes para maiores cunha visita á provincia de León

A actividade de cinco días, subvencionada polo Concello, ten un coste de 290 euros por persoa
Persoas maiores nunha viaxe turística en autobús
photo_camera Persoas maiores nunha viaxe turística en autobús. DS

O colectivo de persoas maiores de Vilagarcía volverá a contar este ano coas viaxes subvencionadas polo Concello cunha primeira proposta a desenvolver en maio e que terá a provincia de León como obxectivo. Despois de tres anos sen realizar este tipo de actividades debido á pandemia e ás medidas de prevención a un colectivo de especial risco como son os maiores, a superación da crise sanitaria e a vacinación masiva permite á Concellería de Persoas Maiores recuperar unha actividade moi esperada e demandada.

A nova actividade organizada polo departamento que dirixe Tania García desenvolverase do 2 ao 6 de maio. Serán cinco días e catro noites dunha viaxe con destino á provincia de León e que inclúe, ademais dun paseo pola capital leonesa, a visita a outros lugares de interese natural e patrimonial como as antigas minas romanas das Médulas, as localidades de A Bañeza e Astorga e as covas de Valporquero.

A oferta consta do transporte durante as cinco xornadas, aloxamento en réxime de pensión completa nun hotel de tres estrelas en A Bañeza, as visitas mencionadas, con entrada incluída aos lugares incluídos no itinerario e seguro de asistencia durante a viaxe. Os prezo, subvencionado pola Concellería de Persoas Maiores, é de 290 euros por persoa en habitación compartida, aos que haberá que engadir 110 euros máis si se quere dispoñer de habitación individual.

Como en edicións anteriores, ofértanse as 55 prazas que completan un autobús, e que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. O prazo para anotarse vai do 19 ao 27 de abril e os interesados deben dirixirse ás dependencias de Persoas Maiores sitas na planta baixa do Concello, en horario de 9 a 14 horas. O número máximo de prazas a reservar por unha mesma persoa é de catro. As primeiras tres filas do autobús resérvanse para os responsables da organización do grupo, todos membros do Consello Local de Persoas Maiores.

De rexistrarse máis solicitudes que prazas dispoñibles confeccionarase unha lista de agarda segundo a orde de inscrición, á que se recorrerá en caso de producirse baixas. Os requisitos para poder participar na viaxe son estar empadroados en Vilagarcía, ter 65 anos cumpridos, ter 55 e ser pensionistas ou estar prexubilados. Se unha persoa solicitante vai cunha acompañante non é preciso que esta reúna os requisitos de idade nin de pensión, pero si o de estar empadroado.