O Concello recibe unha única proposta para o subministro dos catro puntos limpos móbiles

Rotarán mensualmente por 45 puntos do municipio para mellorar a xestión de residuos e complementar o servizo das instalacións de Pinar do Rei
Punto Limpio Móbil en Raxó. CONCELLO DE POIO
photo_camera Punto Limpio Móbil en Raxó. CONCELLO DE POIO

Os servizos técnicos do Concello de Vilagarcía están avaliando a única proposta presentada ao concurso para subministro de catro puntos limpos móbiles, unha oferta que, de cumprir os requisitos establecidos nos pregos de licitación, permitiría adxudicar con maior rapidez o contrato e axilizar a posta en marcha deste novo servizo.

Os Puntos Limpos Móbiles complementarán o servizo que se presta dende hai anos nas instalacións municipais de Pinar do Rei facilitando ao usuario o poder desfacerse de residuos contaminantes ou que non son susceptibles de desbotarse nos contedores tradicionais sen ter que desprazarse do seu lugar de residencia.

O Concello de Vilagarcía inviste 54.000 euros na adquisición destes catro remolques especiais a utilizar como Puntos Limpos, actuación que se financia a través dunha subvención dos fondos europeos Next Generation, integrados no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno do Estado.

Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a adxudicataria disporá de un mes de prazo para subministrar os equipamentos, co que o servizo podería comezar a funcionar a principios de ano.

Os Puntos Limpos Móbiles servirán para evitar que dispositivos electrónicos, electrodomésticos de pequeno tamaño, pilas, baterías, lámpadas, pinturas e outros materias contaminantes acaben na bolsa convencional do lixo, unha práctica inadecuada moi habitual e que resulta moi perigosa para o medio ambiente.

Para isto, os remolques a utilizar como Puntos Limpos teñen que cumprir unha serie de requisitos como estar fabricados en materias axeitados e o máis respectuosos co medio ambiente que sexa posible, así como estar perfectamente compartimentados en fraccións independentes e modulares para o depósito separado de diferentes tipos de residuos. As fraccións, estancas e perfectamente seladas, terán bocas de carga frontal situadas a media altura para maior comodidade dos usuarios.

O sistema contará con dous remolques compactos de tamaño mediano (3,4 metros de largo) que contarán con sete compartimentos independentes para o depósito de tóner de impresora, pequenos electrodomésticos; xoguetes e outros plásticos duros que non sexan envases; lámpadas e fluorescentes; materiais electrónicos, de informática e telefonía; aerosois e envases de pintura; e pilas e baterías.

Os outros dous serán de maior tamaño (4 metros de largo) e disporán de 15 fraccións estancas e separadas para a recollida dos sete grupos antes indicados -separando en módulos independentes os aparellos electrónicos dos móbiles e táblets- aos que se suman compartimentos para aceite de cociña embotellado; radiografías; CDs e DVDs; cápsulas de café; cargadores e auriculares; material de escritura; e téxtiles.

O novo sistema de recollida farase de forma rotativa e seguindo un circuíto preestablecido con paradas mensuais en 45 puntos do municipio previamente estudados, tanto nas zonas urbanas como rurais, permanecendo varios días nun mesmo lugar. O circuíto repetirase segundo un calendario que se sinalará nos propios remolques que, segundo consta nos pr egos de licitación, tamén terán que ir debidamente serigrafiados e incluíndo outro tipo de información como horarios do Punto Limpo de Pinar do Rei ou do servizo a domicilio de recollida de aveños voluminosos.

Unha vez cheos, os remolques trasladaranse ao Punto Limpo de Pinar do Rei para o seu baleirado e envío de residuos aos correspondentes centros de tratamento autorizados, de forma que se reciclen todos os materiais que sexa posible e se destrúan de forma segura para o medio ambiente os que non sexan susceptibles de reutilización.