Concello e Protectora asinan un convenio para albergar 270 animais no Refuxio Municipal

Dous gatos na Protectora de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O alcalde de Vilagarcía e a presidenta da Asociación Protectora de Animais acordan a colaboración para a xestión do Refuxio Municipal de Animais de Pinar do Rei a través dunha partida de 30.000 euros, 5.000 máis que o ano pasado. 

O Concello de Vilagarcía vén de impulsar o apoio ao Refuxio Municipal, incrementando a cuantía destinada ao centro. O alcalde, Alberto Varela, e a presidenta da Asociación Protectora de Animais, Ángeles Cifuentes asinaron o convenio de colaboración para a xestión do centro ubicado en Pinar do Rei e dotado con 30.000 euros, 5.000 máis que o ano pasado.

Nestes momentos o albergue municipal acolle a 150 cans e 120 gatos recollidos das rúas da cidade, animais aos que se alimenta e presta atención sanitaria en tanto que non son adoptados por algunha familia para levalos aos seus fogares.
 
O alcalde aproveitou o acto para facer un chamamento á responsabilidade dos cidadáns de cara ao Nadal, unha época na que é moi frecuente regalar mascotas. Varela pediu que antes de tomar esta decisión se pense ben “porque un animal non é un xoguete, precisa de atención e cariño e conleva certas responsabilidades. Non se pode regalar unha cría e logo, cando medra ou empeza a dar traballo, abandonala nas rúas”. Por último animou ás persoas que finalmente decidan asumir esta responsabilidade “que recorran á adopción e se leven para as súas casas algún dos animais que temos no refuxio”.

Varios cans na protectora de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ademais da xestión da canceira, o convenio do Concello tamén implica que a Protectora desenvolva o protocolo CES (captura, esterilización e solta) das colonias de gatos de rúa. No que vai de ano, a asociación leva xa realizado en torno ás 200 operacións de esterilización, cifra similar á de anos anteriores, contribuíndo deste xeito a manter a poboación gatuna no municipio.
O rexedor agradeceu a excelente labor que está a facer a Protectora, un dos factores que, xunto cos investimentos realizada nos últimos anos polo Concello nas instalacións de Pinar do Rei, “fixo que o Refuxio de Animais de Vilagarcía sexa un dos mellores de Galicia”.

Pola súa banda, Cifuentes trasladou o mérito á “importante rede de voluntariado que temos e á veterinaria que atende a todos os animais”, animando aos vilagarciáns a colaborar coa Protectora “porque, aínda así, nos faltan mans”.