O Concello inviste 235.000 euros no asfaltado de 15.000 metros cadrados en camiños rurais

As obras, incluídas no Plan Concellos da Deputación, contan tamén con aportación municipal do Concello ▶ Cornazo, Zamar e sobre todo Guillán son os beneficiarios

Obras en Arzobispo Lago. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras en Arzobispo Lago. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O goberno local vén de adxudicar a Galsur, SL as obras previstas no programa de asfaltados 2022 incluído no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, no que participa tamén Ravella cun 10% do presuposto. En total investiranse 234.791,13 euros, apenas 8.000 menos do prezo de licitación. Cornazo, Zamar e sobre todo Guillán serán os beneficiados desta actuación, que permitirá renovar a capa de rodaxe de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude pero que suman 15.000 metros cadrados de superficie. O prazo de execución é de tres meses.

Dende o ente local argumentan a necesidade destas obras ao tratarse de viais moi utilizados polos veciños das respectivas zonas. Ao desgaste propio do tempo uníronse as conexións dos distintos servizos (agua, saneamento, etcétera) realizados nos últimos anos, de xeito que a capa de rodaxe presenta hoxe buratos, fisuras e desniveis por cesión do terreo tralo seu recheo despois de facer esas conexións. Ademais de renovar a capa, cun espesor de 5 centímetros, o concello aproveitará as obras para renovar as tubaxes de drenaxe de augas pluviais e para adaptar as tapas de rexistro existentes á nova rasante do vial.

En Cornazo vaise actuar na rúa do Souto, a que une A Laxe coa avenida de Agustín Romero, cunha lonxitude de 775 metros e 5.600 metros cadrados de superficie. En Zamar, no denominado Camiño Novo, que comunica o casal do lugar coa estrada a Pontearnelas: son apenas 200 metros de lonxitude de pouco máis de 1.100 metros cadrados, pero é un camiño moi utilizado polos veciños. E, por fin, en Guillán se realizarán tres intervencións: Rúa García Hermo (927 metros /7.300 m2), a colindante Travesía García Hermo (92 m / 552 m2) e Rúa Ardinso (94 m / 470 m2), é dicir, unha das rúas principais de acceso ao núcleo de Guillán e o desvío cara Xiabre, xunto con dúas rúas confluentes.