O Concello instala 24 balizas para conectar a Vía Verde coa Ruta Fluvial Xacobea

A iniciativa inscríbese no plan de potenciación da marca xeral A Orixe de Todos os Camiños ▶ Neste caso, une o Camiño Portugués, en Caldas e Portas, co porto de Vilagarcía

Unha das balizas instaladas polo Concello. CEDIDA
photo_camera Unha das balizas instaladas polo Concello. CEDIDA

A Concellería de Turismo dirixida Álvaro Carou rematou a instalación das 24 balizas que sinalizan a unión do Camiño Portugués, en Caldas e Portas, co porto de Vilagarcía, de onde parte a Ruta Marítimo Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, o Orixe de Todos os Camiños. E todo a través da Vía Verde. En total foron investidos 2.200 euros. As balizas son de madeira, de 1,2 metros de altura, cun corte superior a 45 grados. Nunha parte van pintadas no verde corporativo da Vía Verde e os seus símbolos, noutra levan una placa metálica co símbolo da marca global a Orixe de todos os camiños. Una frecha indica ao camiñante cal é a dirección correcta.

A iniciativa enmárcase no plan xeral para poñer en valor a Vilagarcía de Arousa como destino polo que transcorren dous camiños xacobeos, a Variante Espiritual e a Ruta Xacobea do Mar de Arousa. Neste sentido, a apertura da Vía Verde do Salnés, a primeira que discorre integramente por territorio galego, serviu ademais para unir o Camiño Portugués, o segundo de maior tránsito tralo Francés, co porto de Vilagarcía. Dende aquí, os peregrinos poden embarcarse cara Padrón ou ben continuar o camiño a pé cara Santiago a través de Catoira, Cesures, Padrón e Iria Flavia.

As balizas comezan en Cea, no remate ou inicio da Vía Verde, seguen por Rubiáns, A Laxe e o parque da Coca para chegar á avenida de Rodrigo de Mendoza. Dende alí e ao longo do río do Con (paseo de García de Caamaño), as sinais dirixen ao camiñante ao Xardín do Centenario e, dende este, ao porto deportivo, dende onde arranca a Ruta Marítimo Fluvial, a Orixe de Todos os Camiños.

Recentemente, a Concellería de Turismo tamén fixo unha intervención no litoral de Vilaxoán, potenciando a Ruta de Turismo Mariñeiro, que coincide en parte co trazado das Ruta do Padre Sarmiento e Variante Espiritual e que conclúen igualmente no porto vilagarcián para seguir cara Carril e o resto da Ruta Marítima Fluvial. Igualmente, habilitou un miradoiro no alto do Xiabre, dende onde se aprecia esa Ruta en toda a súa extensión, a Ría de Arousa e boa parte dos vales do Salnés e o Ullán.