Vilagarcía dá voz ao papel das mulleres na poesía

A  Semana da Muller e Cultura celebrarase dende o día 7 ata o 14 de outubro con actividades que queren poñer en relevo e facer visible o papel das mulleres nos diferentes ámbitos da cultura

A organizadora do evento, a concelleira de Igualdade, Tania García. J.OUBIÑA
photo_camera A organizadora do evento, a concelleira de Igualdade, Tania García. J.OUBIÑA

A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía organiza do 7 ao 14 de outubro unha nova edición da Semana de Muller e Cultura cun programa de actividades organizadas para poñer en relevo e facer visible o papel das mulleres nos distintos ámbitos da cultura. Este ano o xénero escollido é a poesía para poñer en valor ás autoras actuais e, tamén, ás poetas do pasado as cales foron silenciadas pola historia.

Nos vindeiros días haberá unha serie de faladoiros, espectáculos e obradoiros protagonizados por mulleres do sector que darán a coñecer o seu traballo e deixarán patentes as diferentes formas que existen para facer poesía a través do verso escrito, cantado e mesmo contado. “Queremos que o traballo das poetas sexa igual de visible que o dos poetas e que as súas voces, as súas problemáticas, os temas dos que queren falar e expresarse a través dos seus versos, non se silencie nun eido no que, en moitas ocasións, as obras ou manifestacións das mulleres son infravaloradas”, apuntou Adiana Beloso, técnico do CIM.

A semana de Muller e Cultura ábrese o venres 7 ás 12 do mediodía na rúa Rey Daviña con “Tecedoras. Patchwork poético”, un espectáculo poético de rúa no que se recrearán distintos xeitos de facer poesía utilizando o verso contado e cantado. Un grupo de mozas do colexio Sagrada Familia que participaron o ano pasado nun proxecto municipal de empoderamento e de prevención da violencia de xénero recitará poesías de mulleres galegas co obxectivo de dar a coñecer a estas autoras e a súa obra, como exemplo de empoderamento individual e colectivo. A parte do verso cantado correrá da man da regueifeira Lupe Blanco. 

De 17.00 a 18.00 horas, desa mesma tarde, no Auditorio desenvolverase o obradoiro “A maleta azul dos libros raros: As mulleres esquecidas”, unha actividade que impartirá a escritora e galardoada poeta galega, Emma Pedreira. A través dunha mostra de libros “raros” pola súa temática, ilustracións, contidos, data de publicación e cousas similares, pero todos eles obras de mulleres, irán saíndo á luz a figura e as obras de poetisas galegas que foron esquecidas ou ocultadas pola historia. A actividade é de balde e está aberta a calquera persoa de 12 anos en diante. Para asistir só será preciso inscribirse previamente nas dependencias do CIM, ou cubrindo o formulario que se atopa na web municipal e envialo ao enderezo electrónico [email protected].

No transcurso da tarde e, concretamente, ás 19.00 horas, tamén no Auditorio, terá lugar o faladoiro “As poetas galegas. Olladas no espello”, no que varias autoras departirán para poñer de manifesto os sesgos específicos de xénero que se dan no mundo da poesía. Ademais de Emma Pedreira, intervirán Marta Dacosta (escritora e profesora de lingua galega e literatura e integrante do Consello directivo da AELG), Marga do Val (Poeta, tradutora e profesora de lingua galega e literatura) e Patricia Torrado (museóloga e escritora), actuando como moderadora a poetisa e activista feminista e política vilagarciá, Vera Hermida.

A xornada rematará con “Tecedoras de fías”, un espectáculo músico poético no que Emma Pedreira, a vilagarciá Andrea F. Maneiro (poetisa e aprendiza de fotógrafa) e Patrica Torrado recitarán versos acompañadas da música de Clara Pino (creadora musical e profesora de música no Ensino Secundario).

O sábado 8 terá lugar o obradoiro de regueifas que dirixirá Lupe Banco, toda unha referente no mundo deste xénero tradicional galego, pandereteira, creadora de Regueifandopolavida e da primeira Escola de Regueifas, galardoada nos primeiros Premios Galegos de Regueifas 2022 e bisneta do famoso regueifeiro, o “padriño” da regueifa de Bergantiños. A actividade é de balde e esta aberta a calquera persoa de 12 anos en diante. Os interesados poden inscribirse previamente nas dependencias do CIM ou cubrindo o formulario que se atopa na web municipal e envialo ao enderezo electrónico [email protected] . Os asistentes recibirán unhas nocións básicas sobre qué a regueifa, que supón para a tradición oral galega, e que outros tipos de prácticas similares existen no mundo. E logo, cada participante poderá aprender a facer unha regueifa.

E a programación da Semana de Muller e Cultura rematará o venres 14 co espectáculo poético musical “Faia&Benxamín Otero”, protagonizado por Faia Díaz, integrante do grupo De Vacas, do Coro Encaixe e da Compañía Patacón. Este traballo recolle varios textos escritos por mulleres recompilados por Faia dos fondos do Museo do Pobo Galego e que ela mesma se encarga de musicar para sacar do esquecemento os versos e ás súas autoras. O espectáculo desenvolverase a partir das 21 horas no Salón García. A entrada é de balde pero é preciso reservar praza a través de http://www.ataquilla.com .
A concelleira de Igualdade, Tania García, animou á veciñanza de Vilagarcía a participar nas actividades para contribuír a que as mulleres da cultura teñan a mesma visibilidade e atención que os homes. Así mesmo lembrou que o programa se financia a través do Plan Concellos da Deputación, organismo ao que agradeceu a colaboración para poder continuar desenvolvendo actividades que inciden no recoñecemento e no empoderamento das mulleres, neste caso, as que se dedican á cultura nos seus distintos ámbitos e formas de expresión.