O Concello establece servizos mínimos de axuda no fogar ante a vindeira folga

Entre esas prestacións mínimas están a asistencia para levantarse ou deitarse, a hixiene persoal ou o control do réxime alimentario ou de medicamentos ▶ O alcalde insta ás demais administracións implicadas a abordar de forma rigorosa unha prestación que necesariamente vai ir a mais

Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ante a folga convocada polo sindicato CIG nos Servizos de Axuda da Fogar en todos os concellos de Galicia, o goberno de Vilagarcía vén de establecer, a través dunha resolución da alcaldía, os servizos mínimos a respectar a partir do inicio da protesta, o vindeiro mércores. Entre esas prestacións mínimas están a asistencia para levantarse ou deitarse, a hixiene persoal ou o control do réxime alimentario ou de medicamentos. Na actualidade, no SAF participan 135 usuarios/as que son atendidos por 61 traballadores.

O servizo préstase a través dunha empresa privada, Aralia, con financiación do propio concello e do Estado e da Xunta de Galicia. O alcalde, Alberto Varela, dende o respecto absoluto ao dereito á folga, incidiu nas especiais peculiaridades do servizo e, instou a todas as administracións implicadas a abordar dun xeito rigoroso o futuro dos SAF.

Tendo en conta as especiais características do SAF, destinada a persoas con alto grao de dependencia (o 84% dos usuarios téñena valorada), pero tamén o incuestionable dereito á folga dos traballadores, o alcalde, a través dunha resolución asinada esta mesma mañá, vén de establecer os servizos mínimos que compaxinen ambas cuestións. Así establécese en primeiro lugar, que forman parte deses servizos mínimos aqueles nos que se presten ou desenvolvan as atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, como asistencia para levantarse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse, control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse, supervisión (cando proceda) das rutinas de administración de medicacións prescritas por facultativos, apoio para cambios posturais, mobilizacións e orientación espazo-temporal, e apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.

Ademais, nos casos en que concorran factores de maior vulnerabilidade, non exista rede de apoio familiar ou sexa valorada como "feble" ou "non adecuada" polo persoal técnico, os traballadores tamén deberán garantir a elaboración e preparación de comidas e o apoio durante as mesma s, así como o acompañamento no caso de citas concertadas co sistema sanitario, contactos con servizos de emerxencias, ou trámites de urxencia de selo caso.

Na resolución indícase tamén que, no suposto de que a folga se manteña por un período superior a unha semana, nos casos de maior vulnerabilidade os servizos mínimos poderán ampliarse a que, ao menos unha vez a semana, se realizar a limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda, lavado e coidado das prendas de vestir e coidados básicos e esenciais da vivenda.