O Concello dotará dunha glorieta ao cruce de Vistalegre e Fontecarmoa coa avenida de Cambados

A Xunta de Goberno adxudica en 179.200 as obras a Galsur, que terá tres meses para executalas ▶ Coa medida, desaparecen os semáforos e cambian de dirección as rúas Vistalegre e Manuel Antonio, para evitar cruces á esquerda

Proyecto de la rotonda en la avenida de Cambados
photo_camera Proyecto de la rotonda en la avenida de Cambados

A Xunta de Goberno Local decidiu hoxe adxudicar a Galsur, SL as obras de construción da glorieta da avenida de Cambados na súa confluencia coas rúas de Vistalegre e Fontecarmoa. O prezo de licitación era de 190.000 euros, pero finalmente foi adxudicada por 179.200 entre as seis propostas participantes na licitación. A empresa terá tres meses para executar as obras, contados a partir da sinatura do contrato, prevista para os vindeiros días.

Para a realización deste proxecto, o concello contratara a un estudio de enxeñería especializado en tráfico. A empresa fixo un estudo exhaustivo dos fluxos de mobilidade, tanto en sentido saída coma de entrada na cidade a través da avenida de Cambados. Igualmente, das incorporacións a este vial dende a urbanización do Piñeiriño e dende as rúas de Fontecarmoa (que vai cara o instituto Bouza Brey e o estadio de atletismo); de Vistalegre, que dá saída a parte do tráfico do centro comercial; e de Manuel Antonio, para acceder á urbanización da Xunqueira, pero con acceso á esquerda cando se vai cara o centro da cidade. A esta situación de certo perigo, únese a presenza dun control semafórico que ten que ter en conta diversas variables (saídas a esquerda e dereita e continuidade).

Coa glorieta prevista porase fin a estes problemas. Para facilitar o tráfico e especialmente o movemento dos autobuses, terá forma irregular, non redonda, e ademais será "rebasable" no seu perímetro interior para facilitar precisamente esa maniobrabilidade. Para o seu deseño tívose en conta outros dos proxectos xa en marcha polo Concello: o desenvolvemento dos camiños escolares seguros e a da rede de ciclovías.

Aparte do feito de que desaparecerá a regulación semafórica que tantas queixas xeraba, ademais de ralentizar o tráfico, a principal novidade é o cambio de sentido da rúa Vistalegre, que agora xa non será de saída, senón de entrada, e consecuentemente, a mudanza tamén en Manuel Antonio, que será de saída e non de entrada, e, polo tanto, se evitará o xiro á esquerda, como viña sucedendo ata agora.

Paralelamente, se urbanizará a illa que se forma na conexión entre Vistalegre, Avenida de Cambados e travesía de Pablo Picasso e se ensanchará a beirarrúa que baixa dende a rúa Fontecarmoa ata a rúa Xunqueira, dando un paso máis na configuración dos camiños escolares seguros que unirán a urbanización do Piñeiriño co complexo educativo da Lomba. Este tramo dotarase se mobiliario urbano e vexetación.

Para a realización das obras, a empresa terá que pechar un carril –primeiro un; despois, acabada a intervención no outro, o segundo- de xeito que haberá unha soa dirección nun sentido e habilitarse unha solución alternativa para a dirección afectada polas obras. En calquera caso, comunicarase e sinalizarase con suficiente antelación.