O Concello adquire un baixo nos Duráns para acoller as oficinas de Servizos Sociais

A adxudicación aprobouse na última Xunta de Goberno e supón un investimento de 233.000 euros a financiar con fondos propios
O alcalde, Alberto Varela, e a edil de Servizos Sociais, Tania García. DS
photo_camera O alcalde, Alberto Varela, e a edil de Servizos Sociais, Tania García. DS

O Concello de Vilagarcía vén de adquirir un baixo para albergar as oficinas dos Servizos Sociais Municipais. Trátase duns locais situados no barrio dos Duráns cunha superficie total de 563 metros cadrados. A compra do inmoble era unha necesidade que o departamento que dirixe Tania García viña demandando xa dende hai tempo debido a que as actuais dependencias no consistorio resultaban insuficientes para poder desenvolver o importante volume de actividade que rexistra o servizo debido ao crecente número de usuarios e á correspondente ampliación de programas e de persoal levados a cabo nos últimos anos.

A adquisición adxudicouse na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana. A operación pechouse por 233.000 euros que se financian integramente con fondos propios do Concello.

O inmoble reúne as condicións que requiría o Concello: contar coa superficie necesaria para albergar con comodidade todas as oficinas dos Servizos Sociais, e que se atopase nunha zona céntrica e accesible para a maioría da cidadanía. Os 563 metros cadrados dos que dispón son os resultantes de sumar catro locais (de 200, 201, 81 e 81 metros cadrados) adquiridos a dous propietarios no baixo dun edificio con fachadas as rúas Eduardo Pondal 17 e Pablo Iglesias 20.

Unha vez adxudicada, a operación de compra-venta deberá asinarse ante notario nos próximos días. A continuación haberá que redactar un proxecto para reformar o baixo ás necesidades dos Servizos Sociais, para o cal se unificarán en un os catro locais. De forma paralela, o goberno local irá xestionando xa a procura de fondos cos que financiar a obra, ben con fondos propios ou a través de axudas doutras administracións.

O traslado e unificación de todas as oficinas dos Servizos Sociais ás novas dependencias dos Duráns aportará máis comodidade e privacidade aos usuarios e tamén facilitará o traballo do persoal do servizo.