O Concello acomete o saneamento do céspede do campo de fútbol da Lomba

Os traballos comezaron co escarificado do terreo de xogo co obxectivo de mellorar a drenaxe
Labores de saneamento da herba do campo de fútbol da Lomba
photo_camera Labores de saneamento da herba do campo de fútbol da Lomba. DS

A Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía está a levar a cabo labores de saneamento da herba do campo de fútbol da Lomba. A actuación, acordada cos clubs usuarios das instalacións municipais, comeza tan só uns días despois de rematadas as competicións oficiais e coa axilidade suficiente para que o terreo de xogo estea listo e en perfectas condicións para acoller os próximos eventos deportivos e o inicio da vindeira temporada.

Para poder cumprir estes prazos, a concellería que dirixe Carlos Coira fixo as xestións pertinentes ante a Deputación Provincial, que colaborará nas tarefas prestando a maquinaria desprazada a Vilagarcía para desenvolver a actuación que se prolongará ata finais de mes.

Esta intervención forma parte dos traballos periódicos de mantemento do céspede da Lomba. As labores comezaron co escarificado do terreo de xogo, unha técnica que ten por obxectivo mellorar as condicións de drenaxe para evitar a acumulación de auga sobre a herba. Tras o necesario repouso de entre dez e quince días, a actuación completarase coa execución dos traballos de picado, areado e sementado na nova herba.