O Concello reduciu en 8 anos un 35% o seu consumo eléctrico

O goberno local negocia con Naturgy novas condicións para os máis de 200 contratos en vigor ▶ Porase en marcha unha campaña para concienciar do uso da enerxía nos edificios municipais e nos centros educativos

Una bombilla encendida. PIXABAY
photo_camera O consumo reduciuse nun 35% nos últimos 8 anos. PIXABAY

As medidas de aforro desenvolvidas polo concello nos últimos 8 anos permitiron reducir o consumo eléctrico dos preto de 8 millóns de Kilowatios iniciais aos arredor de 5,2 millóns actuais, é dicir, un 35% menos. A factura global dese período, en cambio, medrou case un 10%, especialmente no que levamos de ano. A situación podería empeorar a partir de xaneiro, cando queden sen vigor a maior parte dos máis de 200 contratos que agora mesmo ten o concello coa distribuidora Naturgy, a antiga Fenosa. Por iso, ademais de seguir coas medidas de aforro e iniciar unha campaña de concienciación sobre o uso correcto da enerxía nas instalacións municipais, o concello está a negociar coa empresa un novo contrato que tería unha vixencia de cinco anos, cos dous primeiros a un prezo fixo, para evitar os actuais vaivéns que deixan sen efecto calquera previsión no presuposto anual. Eses incrementos provocan ter que facer suplementos de crédito para facer fronte aos gastos de electricidade, ao tempo que resta posibilidades de gasto e investimento noutras áreas de xestión.

Dende hai oito anos, o Concello puxo en marca un plan de optimización do consumo eléctrico que pasou, entre outras medidas, pola substitución das luminarias por outras novas de tipo LED, con moitísimo menos consumo. Obviamente, ese investim ento foise facendo, e se segue a facer, de xeito paulatino, ben a través de fondos municipais, ben acudindo a axudas provinciais, autonómicas, estatais e mesmo europeas. Ao mesmo tempo, se revisaron todos e cada un dos contratos que tiña o concello, axustando o contratado ás necesidades reais de cada instalación. Igualmente, fóronse substituíndo as antigas caldeiras de gasóleo por outras de biomasa, e se fixo unha regulación do alumado público, xestionando mellor horarios e intensidade.

Todas estas medidas supuxeron que dende 2014 a 2022 o consumo se teña reducido de case 8 millóns de kilowatios ao ano aos 5,2 millóns actuais, é dicir, un 35% menos. Nos primeiros anos a curvas de descenso de consumo e gasto foron case paralelas, ata que dende o verán de 2021, coa crise enerxética mundial agravada despois pola guerra de Ucrania, diverxeron: mentres o consumo seguiu descendendo a curva do prezo iniciou unha subida que, polo de agora, non parece ter límite. Se o concello gastaba en 2014 arredor de 1,2 millóns de euros en electricidade (alumado, edificios municipais, instalacións deportivas, colexios, bombeos do saneamento...), hoxe esa factura está xa en 1,3 millóns, é dicir, practicamente un 10% máis que en 2014, tendo reducido nese tempo o consumo un terzo. Sen as medidas de aforro e eficiencia desenvolvidas nos últimos anos, hoxe esa factura podería estar nos 2 millóns de euros, segundo os cálculos dos técnicos municipais e do asesor enerxético externo que guía este proceso dende hai 8 anos.

Novas condicións para o subminstro

Este mesmo mes, o pleno tivo que facer unha modificación de crédito para facer fronte ao desfase que ese incremento supuxo no presuposto municipal para 2022. A fin de tratar de corrixir esa situación, ademais de continuar con medidas de aforro e eficiencia, o concello está a negociar nestes momentos no vas condicións para os máis de 200 contratos que ten con Naturgy, moitos dos cales finalizan o 31 de decembro. Posto que na súa meirande parte teñen certa antigüidade, os efectos da suba xeral da enerxía foron máis atenuados que se fosen contratos actuais. A falla de concretar o s detalles, a intención é que esas novas condicións do subministro estean vixentes durante 5 anos, de xeito que os dous primeiros serían cunha tarifa fixa e os tres seguintes se revisarían ano a ano, pudendo subir ou baixar segundo sexa a conxuntura no momento da renovación.

En todo caso, o concello quere implicar a toda a cidadanía na loita contra a escalada dos prezos e o gasto de enerxía. Aínda que o éxito das medidas implantadas son evidentes –un 35% en 8 anos- cree que aínda se pode baixar máis se hai maior concienciación. Por iso porase en marcha unha campaña informativa que chegará aos colexios –a semana pasada xa houbo unha reunión coas direccións de todos os centros de primaria- pero tamén ás instalacións deportivas, culturais e administrativas do concello. A intención é que todo o mundo se conciencie de utilizar só aquela enerxía que se necesita: apagando luces cando no son precisas, facendo un mellor uso da calefacción, cambiando as luminarias e aparatos de quecemento por outros máis eficientes, etcétera. Cabe lembrar, neste sentido, que canto máis se destine ao pago de electricidade menos presuposto haberá para outras áreas de xestión e servicios, posto que o orzamento municipal sigue sendo o mesmo, de arredor de 30 millóns de euros, dos que na actualidade 1,3 –que poderían ser 2 de non ser polas medidas xa desenvolvidas- se destinan ao pago de enerxía.