Comeza a instalación dos novos led para mellorar a iluminación no campo de A Lomba

Os novos equipamentos proporcionan unha intensidade de 500 lux, conferindo ás instalacións a "clase 1", apta para acoller competicións do máis alto nivel ▶ A previsión é que os traballos estean concluídos en 10 días, antes de que o Arosa volva a xogar na casa

(20221211_JLO_0490.JPG)  Salnes HQR Partido Futbol Arosa Ourense Campo A Lomba10859
photo_camera O Arosa disputará o seu vindeiro partido na casa coa nova iluminación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Cun investimento de 125.00 euros financiados a través do Plan Concellos 2020/23 da Deputación, esta mesma mañá de luns comezaron os traballos de renovación e mellora dos sistemas de iluminación do terreo de xogo do Campo Municipal de Futbol de A Lomba. A actuación adxudicada á empresa Formatsea Lalín consistirá en substituír os actuais proxectores halóxenos das catro torres do campo por elementos de tecnoloxía led que proporcionan más luminosidade con menor potencia. Con esta intervención, o campo da Lomba estará en condicións de adquirir a "clase 1" en materia de calidade lumínica para instalacións deportivas, o que o fai apto para acoller competicións deportivas de primeiro nivel, tato nacionais como internacionais.

A actuación prevista suporá substituír os 40 proxectores halóxenos de 2.000 W de potencia existentes na actualidade, por outros tantos de tecnoloxía led que, malia ter unha potencia inferior, de 1.440 W, elevarán o nivel de luminosidade de forma considerable. De feito, co cambio acadaranse os 500 lux que garanten esa "clase 1", segundo a norma UNE-EN-12193, que fixa os requisitos para o alumeado dos deportes máis practicados na Unión Europea.

A maiores desta vantaxe, o requirimento dunha menor potencia tamén suporá un importante aforro económico no gasto eléctrico a asumir polo Concello. De feito, o cambio suporá un aforro dun 30% no consumo, ao pasar dos 80 Kilowatios actuais aos 56,7 unha vez producido o cambio. Precisamente, a actuación enmárcase nas medidas de mellora da eficiencia enerxética que vén levando a cabo o Concello, tanto en edificios e instalacións deportivas municipais, como no alumeado público, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía, e por tanto o gasto económico, e de cumprir coas políticas que promove a UE para diminuír a pegada de carbono.

Segundo o contrato asinado coa empresa subministradora dos equipamentos e encargada da instalación, os traballos teñen unha garantía de 5 anos a contar dende a data de recepción do subministro. Ademais da luminaria propiamente dita, o garantía inclúe o módulo led, o driver e os outros compoñentes asociados.

A adxudicataria calcula que a substitución dos proxectores das catro torres estea rematada no prazo de dez días, a tempo para cando o Arosa volva a xogar na casa. Unha vez instalados, a empresa terá que realizar as probas e os debidos axustes en canto á orientación de cada un dos proxectores para garantir unha iluminación total e uniforme en todo o terreo de xogo.