Comezan os preparativos para a creación do miradoiro da cruz de Xiabre

Unha plataforma circular ofrecerá panorámicas de 360 graos cara Vilagarcía, a Ría de Arousa e a desembocadura do Ulla
Vilagarcía Miradoiro cruz do Xiabre
photo_camera Un momento da visita do concelleiro, técnicos e arquitecto a zona do futuro miradoiro.
Despois de dous intentos fallidos por chuvia as pasadas semanas, arrancaron os preparativos para a creación do miradoiro da cruz de Xiabre coa inspección e delimitación sobre o terreo da área de 6.000 metros cadrados que haberá que acondicionar previamente para poder abrir os accesos e para instalar unha plataforma.

A visita de do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, xunto a outros técnicos e o arquitecto redactor do proxecto consistiu en delimitar con exactitude a superficie a limpar, posto que toda a zona está cuberta de vexetación propia do monte baixo, especialmente toxo e algún arbusto silvestre. Unha vez determinado por onde discorrerá o acceso peonil ata o miradoiro e concretado o perímetro a despexar en torno á cruz, a previsión é que os traballos de roza da maleza se inicien a vindeira semana.

O miradoiro consistirá nunha plataforma horizontal circular de 57 metros cadrados que irá elevada sobre as rochas, tendo como centro a propia cruz de ferro. A instalación realizarase de xeito respectuoso co medio natural, polo que non se fará unha cimentación ao uso, senón que a plataforma fixarase ao chan mediante ancoraxes ás rochas. O miradoiro construirase con aceiro galvanizado, ao igual que as varandas protectoras que bordearán todo o seu perímetro. 

A forma circular da plataforma permitirá gozar de panorámicas sobre Vilagarcía, a Ría de Arousa, Cortegada e a desembocadura do Ulla, nunha visión de 360 graos. Para un mellor goce das vistas, no miradoiro colocarase un banco mirado á Ría e outro cara o Ulla. A actuación completarase coa colocación dun panel informativo sobre o miradoiro e os lugares que se poden admirar dende alí.

Atractivo turístico
A construción do miradoiro no lugar no que se atopa a cruz de ferro poñe en valor a paisaxe como elemento estratéxico e de gran potencial para a atracción de turismo. Ademais de ofrecer unhas vistas privilexiadas da desembocadura do Ulla, de Cortegada e da Ría de Arousa, a través da paisaxe, o miradoiro conectará coa cultura mariñeira e os recursos marisqueiros da Ría, co Parque Nacional das Illas Atlánticas, coa tradición Marítimo-Fluvial Xacobea 'orixe de todos os camiños', co patrimonio arqueolóxico que representan os petróglifos de Xiabre, así como coas rutas de sendeirismo e os valores naturais da zona.

O proxecto terá un investimento de 48.031 euros que se financiará integramente coa subvención concedida polo Grupo de Acción Costeira Local (GALP). Aínda que o prazo de execución da obra é de 3 meses, a empresa asegurou que, una vez iniciados os traballos, poderían telos rematados en catro ou cinco semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.