Conde presenta en Vilagarcía as novas axudas da Xunta para a dixitalización dos comercios

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou este martes no Networking Galicia Empresa
Francisco Conde durante o Networking Galicia Empresa Na Camara de Comercio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Francisco Conde durante o Networking Galicia Empresa celebrado en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou na mañá de hoxe de que, dende mañá, o comercio de proximidade e obradoiros artesáns xa poden solicitar as novas axudas da Xunta de Galicia para incentivar a dixitalización dos seus establecementos e servizos.

Nun encontro dentro do ciclo Networking Galicia Empresa, organizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e celebrado no municipio de O Salnés, Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, márketing dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou a xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5.600 euros.

Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía, trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo. 

Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade son dous retos que afronta o tecido empresarial galego e que a Xunta traballa para que as empresas e os autónomos atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio. Nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e os servizos da Oficina Galicia Empresa como instrumentos de acompañamento aos sectores económicos en Galicia. Tamén apuntou que seis dos concellos da comarca son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
O vicepresidente económico precisou que en xaneiro se crearon en Galicia un 6,49% máis de empresas en comparación co mesmo mes de 2022, 22 máis. No que se refire á provincia de Pontevedra, a suba é case do 30%, con 35 novas sociedades. E, en toda a comarca do Salnés foron 21, cun crecemento do 23,5%.

Conde concluíu poñendo en valor o récord histórico que bateron as exportacións galegas en 2022, con case 30.000 millóns de euros, un 18,3% máis que no ano anterior. Na provincia de Pontevedra a suba foi do 8,3%, ata acadar os 13.073 millóns de euros, que representan o 3,4% do total das exportacións do conxunto de España.