A comedia postmorten 'A resurrección de Nuno' devolve a vida ao auditorio de Vilagarcía

A función será o sábado 4 de marzo a partir das 20.30 horas ▶ A entrada xeral custa 5 euros, bonificado para maiores, parados e titulares da tarxeta xoven
BACKUP, A resurrección de Nuno. DS
photo_camera BACKUP, A resurrección de Nuno. DS

Unha "comedia postmorten", así define a compañía De Ste Xeito o seu último espectáculo BACKUP. A resurrección de Nuno, que se poderá ver o sábado 4 de marzo no Auditorio de Vilagarcía a partir das 20.30 horas. A través dun humor acedo, esta obra presenta unha posibilidade propia da ciencia ficción que sen embargo xa está a tocar a nosa porta na actualidade, devolver á vida a un finado a través dunha Intelixencia Artificial e, sobre todo, as consecuencias que iso podería ter no resto das persoas da súa familia.

Esta representación forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios conveniada entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic, de aí que a entrada teña un prezo reducido de 5 euros. Ademais, os colectivos de persoas maiores, desempregados e titulares do carné xoven contan dispoñen de prezo bonificado a 3 euros. As entradas poden adquirirse a través de Ataquilla (máis custes de xestión) ou o día da función, na billeteira do Auditorio, a partir das 18.30 horas.

"A resurección de Nuno" é unha obra dirixida por Pilar C. Almanzam e conta cun elenco composto por Pepa Barreiro, Sergio Macías, Stephy Llaryora, Xurxo Cortázar, Nadia Doménech y Anxo Outumuro.

Sinopse da obra

En pleno funeral do avó Nuno, a familia apercíbese de que o seguro contratado polo felecido, ofrece a posibilidade de resucitar dixitalmente ao finado, a través dun innovador dispositivo de Intelixencia Artificial. Mentres tanto gozarán dunha semana de fábula nun resort vacacional de alta tecnoloxía. Inicialmente a matriarca: Sabela, decidirá o como e o cando do uso de tal dispositivo, que permite aos familiares conectarse neuronalmente a Nuno e reencarnalo.

Pero pouco a pouco a resurrección de Nuno vai tomando terreo por si mesma, dando lugar a que saian á boia conflitos e segredos familiares que enfrontan a cada membro deste clan con dilemas que resolver e verdades que asimilar.

¿Que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado? Canto tempo pasará ata que os segredos enterrados co finado saian á luz? Que cambios provocará saber toda a verdade?
Serán quén de saír reforzados como familia ao aceptar as súas imperfeccións e disfuncionalidade? Estas e outras preguntas resolveranse nesta orixinal e divertida comedia.