VIDA SALNÉS

Clara Pino: "A miña clave como profesora é a diversión, se me aburro é que estou dando unha mala clase"

Séntese filla do Salnés. Profesora por vocación, harpista e faranduleira, Clara Pino fala nesta entrevista da súa relación coa música a universidade e a cultura
photo_camera Clara Pino. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Son filla do Salnés. Estou empadroada en Bamio que pertence a Vilagarcía pero é un mundo aparte. Vivín moitos anos en Vilalonga (Sanxenxo), son viguesa, son faranduleira, toco a harpa, son oceánica, son marítima, son do mar de Vigo e do mar de Arousa. E son profe por vocación. Despois dos meus estudos musicais que os fixen en Vigo e en A Coruña, estudei Filoloxía Hispánica en Santiago de Compostela. Co dobre currículo empecei a traballar nun colexio privado e axiña fixen oposicións. Na música entro desde que recordo. Empecei cantando no coro da igrexa moi cedo, con 6 anos, e o cura falou coa miña nai para que entrara no Conservatorio en Vigo. 

Música, universidade e cultura galega. Por esa orde?

Eu na adolescencia estaba moi mergullada nos estudos clásicos, pero con 20 anos deixo eses estudos para ir á universidade. Son viguesa, nacín nas Travesas, e por alí non se falaba galego; pero estudei no instituto Santo Tomé de Freixeiro e tiven sorte que me daba clases o escritor Carlos Casares, pero el ensinaba Literatura Española. Entón, eu edúcome en castelán; pero cando chego á Universidade de Santiago descubro que había un mundo paralelo, que a miña realidade lingüística non era a realidade lingüística de Galicia. Certo que na adolescencia empezo a escoitar a grupos como Milladoiro; pero todo acontece cando me canso dos corsés da música clásica, porque eu estudei polo plan antigo. Rodrigo Romaní deixa Milladoiro, monta o Conservatorio de Música Tradicional en Vigo e aí, con vinte e poucos anos, empezo a estudar música tradicional. E Rodrigo convértese no meu mestre. 

Música e educación axúdanme a vivir

 

Como se tomaron os pais a túa teima pola música?

Miña nai estaba encantada. Meu pai tamén. Houbo un momento de crise porque cando estaba en terceiro de hispánicas eu díxenlles aquilo de “quero deixalo todo pola música!”... pero duroume dous días. Logo houbo outro momento de crise cando remato a carreira e digo: “Pero eu non vou ser profe”. Porque eu quería dedicarme á música a nivel profesional. E logo veu todo un pouco rodado. Porque cando me presentei ás oposicións do ensino público díxenme; “vou ir a ver que pasa” e ver se “soa a frauta”. 

E mentres desarrollas a túa vida artística, coa túa harpa celta, coas túas cancións e composicións, faste profesora de música no ensino público onde a música é unha “María” para os rapaces, ou non?

Sigue sendo unha “María”. Pensa que a carga lectiva dunha asignatura como música é moi pouquiña ao longo da ESO. Sí que se sigue considerando unha “María”, é certo; pero para iso estamos nós. Os docentes de música, para facerlles ver que non é unha “María”. 

A túa clave como profe?

A diversión. É dicir, se eu me aburro é que estou dando unha mala clase. Eu tamén aprendo moito deles. Eu son para eles unha fonte de aprendizaxe, pero eles para min non vexas: eu estou ao día musicalmente falando gracias a eles, aos meus estudantes. 

Pero a rapazada de hoxe vai a outro ritmo, non?

Os nenos e nenas de 13 a 16 anos ven as películas a unha velocidade x4, escoitan os whatsapps a x4, non ven un vídeo enteiro de youtube, despois de 30 segundos pasan a outro. Esta é a realidade. Eles teñen a tecnoloxía para poñer as pelis nos seus dispositivos a x4 e x8. Mentres entendan o diálogo é igual que sexa blablabla (a ritmo acelerado). Se eu lles dixera: “Nenas, nenes, para mañá escoitade o primeiro movemento da novena sinfonía de Beethoven”. Non a escoitarían x4, probablemente a escoitarían x32. Fíxate en que mundo estamos. Tan distantes. 

Ten consecuencias tanta celeridade?

Eu vou facer un curso de 8 horas sobre estabilidade emocional e saúde mental. Estamos nun momento moi delicado. No noso instituto estamos nun programa que é o Erasmus no que lanzamos proxectos. Imos lanzar agora un proxecto de como abordar a saúde mental nas aulas. Que pasou despois do covid, para que haxa unha tasa tan alta de adolescentes con problemas de saúde mental que nos desborda? Escoitar ou ver unha peli x8 é tamén un reflexo do que está pasando. Eles queren inmediatez, rapidez. Entón viven nunha sociedade tan esixente que non xestionan logo emocionalmente. 

Falemos de feminismo, é dicir, de igualdade

Como se lles pode axudar?

A solución primeira é máis profesionais dentro do sistema. Máis profesionais no ensino publico e mais profesionais na sanidade. Non pode haber un psicólogo para 600 nenos nun centro onde hai, ao mellor, 10 ou 12 protocolos de suicidio abertos. Hai un abano moi importante de cousas que hai que abordar, desde as familias, desde a docencia, pero tamén desde a Consellería neste caso tamén. 

Diferencian os teu alumnos entre a música de consumo e a música como arte?

Si, diferencian. Pero tamén depende moito do que se “cueza” na casa. O outro día por exemplo preguntei: “Sabedes cal é o disco máis vendido da historia?” E un rapaz levantou a man e dixo: “Thriller, de Michael Jackson”. E dixen: “E o terceiro?” E empezaron a dubidar ata que unha rapaza dixo:”Podería ser Pink Floyd?” Pois si. Tamén  nunha ocasión cheguei a clase e puxen o primeiro movemento dun dos concertos de Brandenburgo de Johan Sebastian Bach e pregunteilles: “De que época é isto que vos vou poñer?”E un rapaz díxomo todo seguido. Pero iso non é o habitual. O habitual é que consuman sen saber. Son un reflexo da sociedade.

Hai que preocuparse polas novas xeneracións?

Si, temos que estar preocupados. Polo cambio tan drástico que está habendo. Non só a nivel social, senón político, económico e bélico. Eu cando tiña 14 anos tiña unhas ansias de vivir “de la pera”, cando empecei a traballar con 25 estaba desexando independizarme. Eles non o pensan agora. 

E as cousas positivas?

Eu podo dicirche moitas cousas positivas do meu alumnado. Son cariñosísimos, xa non existe esa distancia entre profesor e alumno tan marcada que existía. Ábrense, contan os seus problemas. Pero non temos o equipo humano suficiente para poder abordar todo o que ocorre día a día nun centro de educación. Creo que na nosa man tamén está como adultos tomar conciencia disto.

Que é ser muller?

Ser muller é unha sorte. 

Entón por que a palabra muller ven tan a miúdo unida a temor, violencia, discriminación?

Porque o conflito existe. Pero na miña propia pel nunca sufrín o que se di unha discriminación porque a docencia, o ensino público, por sorte, está nun nivel moi igualitario, mesmo hai máis mulleres que homes no ensino.

E na música? Na música aínda abundan moito as bandas de “pirolos”, é dicir, de homes só. É raro ver a unha muller contrabaixista, é raro unha muller saxofonista ou ver a unha muller nunha banda de rock. E logo se nos vamos á brecha salarial é unha evidencia. 

Feminismo e muller son o mesmo?

A palabra feminista e a palabra muller sempre deben ir xuntas.

Hai que falar máis de feminismo?

Eu non utilizaría a palabra feminista eu falaría de igualdade. Na sociedade occidental a representación da muller en cargos empresariais é dun 30%. Que é a paridade? Debemos loitar pola paridade para camiñar mellor?

Falemos de poesía. Por que hai tanta hostilidade no teu poemario 'Fenómeno fan'?

Esa hostilidade parte da miña experiencia vital. Con 50 anos fun quitando capas, como as cebolas, e agora estou vivindo un momento marabilloso. Por suposto que son vivencias vividas en primeira persoa as que inspiran eses poemas, pero tamén son vivencias que lles pasaron a outras e vivencias que pasaron a nivel social. Eu chego a falar nese poemario das mulleres que morren  no deserto. Eu coido que todas as mulleres nalgún momento tivemos algunha experiencia que nos fixo mosquearnos e que nos fixo dicir “isto non, por aquí non, por aquí vamos mal”.

Aínda hai un el que odias?

Que pregunta! Vou falar en positivo. Neste momento hai un el a quen admiro profundamente e é a miña parella, Pablo. Un home marabilloso. A ese el o adoro igual que aos meus irmáns, Que se hai un el que odio? Si. E vai ser un odio vital. Creo que hai cousas que non se poden perdoar na vida. Falaría máis ben de dores imperdoables. 


TEST DE VIDA
Unha palabra?
Amor.
Un lugar?
Vigo.
Unha persoa?
Pablo.
Unha personaxe?
Amy Winehouse.
Alguén importante?
Eu.
Un obxecto?
A miña harpa
Alguén imprescindible?
Eu! É que non hai ninguén máis imprescindible ca min.
Que é a vida?
A vida é un agasallo fantástico e hai que disfrutalo no presente.