O circuíto da Florida será sede dunha proba do Campionato Galego de Pump Track

A cita terá lugar no mes de xuño ▶ Un técnico da Federación Galega de Ciclismo pasou revista este luns ás instalacións e á súa contorna para ir concretando a loxística
Visita dun técnico da Federación Galega de Ciclismo ao Pump truck da Florida en Vilagarcía. DS
photo_camera Visita dun técnico da Federación Galega de Ciclismo, acompañado polos concelleiros e o presidente do Arousa Bike, ao Pump truck da Florida. DS

Campionato Galego de Pump Track da actual tempada terá lugar en Vilagarcía de Arousa. O circuíto homologado da Florida acollerá a competición, cuxa organización correrá da man das concellerías de Deportes e de Turismo, xunto co Arousa Bike BTT, que exercerá de club anfitrión. A cita terá lugar a primeira fin de semana do mes de xuño e está previsto que participen nela preto de 200 deportistas procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.

Trala xestión do Concello, e grazas á implicación do Arousa Bike, o circuíto da Florida será escenario dunha das roldas do campionato galego. Co obxectivo de realizar os preparativos e concretar a loxística, un técnico da Federación Galega de Ciclismo visitou na mañá deste luns o municipio para revisar as instalacións deportivas e os espazos existentes na contorna. O técnico da Federación estivo acompañado polos concelleiros de Deportes e de Turismo, Carlos Coira e Álvaro Carou; polo presidente do Arousa Bike, David Janza; e polo director de actividades da Fundación Municipal de Deportes, Juan Miguel Doval.

O goberno local pretende converter a ocasión nun elemento dinamizador. Por iso, a intención é organizar actividades complementarias que contribúan a xerar actividade en torno á cita deportiva.