O CIM atendeu a 132 vítimas de violencia machista das que 7,5% son menores de 24 anos

O centro realizou no que vai de ano 1.376 intervencións a 369 persoas usuarias das que o 98,6% son mulleres
 
Acto inaugural da Semana da Muller en Vilagarcía do ano pasado. DAVID FREIRE
photo_camera Acto inaugural da Semana da Muller en Vilagarcía do ano pasado. DAVID FREIRE

Con motivo do 25-N, o Centro de Información á Muller do Concello de Vilagarcía fixo público o avance da memoria anual do servizo. Entre xaneiro e novembro de 2023 o CIM realizou 1.376 intervencións que se relacionan cun total de 369 persoas atendidas, das que o 98,6%% son mulleres. O número de usuarias vítimas de violencia machista ascende a 132, o que supón un punto porcentual máis que o ano anterior, destacando que o 7,5% destas vítimas son mulleres de menos de 24 anos. A día de hoxe, en Vilagarcia hai 67 ordes de protección activas.

As intervencións realizadas polo CIM distribúense entre os seus tres servizos. O de asesoramento xurídico copou o 18,16% das atencións realizadas; o de atención psicolóxica o 30,52%; e o servizo de información e tramitación de recursos, formación, orientación e emprego, o 51,32%.

No servizo de asesoramento xurídico, o 30,3% das intervencións están relacionadas co Dereito de Familia, sendo as consultas maioritarias, por unha ba nda, as que solicitan información xeral sobre os procesos de divorcio ou separación, e sobre aspectos relacionados coa modificación de medidas paternofiliais (réxime de visitas, impago de pensións de alimentos…).

En Dereito Civil as consultas sobre vivenda, prórroga de contratos de aluguer e desafiuzamento manteñen a tendencia crecente que xa se veu ano anterior representando case o 55% das intervencións deste apartado. Seguidamente destaca todo o relacionado co trámite de xustiza gratuíta (información, solicitude, seguimento...), que aglutina máis do 26% do total das consultas do servizo de asesoramento.

Terapia individual

Respecto do servizo de apoio psicolóxico, no 2023 realizáronse 420 atencións. A terapia individual é a tipoloxía de intervención que se realiza no 94,4% dos casos. O resto das intervencións psicolóxicas, tanto en parella como con fillos e fillas, supón unicamente o 4,5% restante. Compre salientar que a concelleira de Igualdade, Tania García, anunciou hai uns días que o CIM reforzará en 2024 a atención psicolóxica mediante a ampliación das horas de atención.

Por último, o servizo de información, tramitación de recursos sociais, orientación ao emprego e formación sumou o 51,37% de todas as atencións desenvolvidas dende o CIM entre xaneiro e novembro. As intervencións relacionadas coa xestión de recursos (onde se inclúe a tramitación e asesoramento sobre axudas económicas, derivacións a outras institucións, información de recursos sociais e de saúde) acadan o 71,6% das totais deste servizo, o que, en números absolutos se traduce en 501 intervencións no período de referencia.

Perfil das persoas usuarias

Sobre as características das persoas atendidas no que vai de ano, destacar que dun total de 369 usuarios/as, 364 son mulleres, e destas últimas, 132 son vítimas de violencias machistas. Este dato revela un incremento de máis dun punto de mulleres vítimas de violencia atendidas no CIM, pasando do 35,05% do ano pasado, ao 36,23% do que levamos de 2023.

Outro dato a ter en conta é que das 132 vítimas atendidas no que vai de ano, 74 se corresponden con usuarias novas, que nunca antes acudiran ou demandaran ningún tipo de atención no CIM.

Respecto á idade, mantense unha presenza alta de mulleres vítimas no grupo de menores de 24 anos, xa que representan o 7,5% do total de casos atendidos polo CIM. Malia isto, tamén cómpre sinalar que, a diferenza do ano anterior, o centro non rexistrou ningún caso de maltrato machista a rapazas menores de 15 anos. En relación ás persoas dependentes a cargo, a gran maioría das mulleres atendidas por causa de violencia teñen fillos ou fillas: o 83,76% ten entre un e dous descendentes ao seu cargo, e o 11,56% tres ou máis.

E por último, en canto ás medidas de protección, dende o CIM apuntan que neste momento en Vilagarcía hai 67 ordes de protección activas e 12 mulleres teñen o dispositivo de teleasistencia móbil (TAM) xestionado a través dun Convenio entre a Cruz Vermella e a Femp.

Lectura do manifesto do 25-N

A programación organizada pola Área de Igualdade-CIM do Concello de Vilagarcía para sensibilizar á poboación na loita contra a violencia machista remata este sábado, o propio 25-N. Con motivo desta data, a Praza de Galicia acollerá a partir das 12 do mediodía o acto central do programa, consistente nunha concentración cidadá na que se dará lectura ao manifesto redactado polo Consello Local da Muller e aprobado polo Pleno da Corporación Municipal.