O ciclo de teatro Clámide e as proxeccións do Cine na Rúa recalan este sábado en Rubiáns

O taller teatral representará a obra 'María Estuardo, Prometeo e Calígula' no marco do circuíto co que conmemoran o seu 40 aniversario
Unha actuación de Clámide en Vilagarcía. DS
photo_camera Unha actuación de Clámide en Vilagarcía. DS

A parroquia de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa) recibe este sábado, en pleno fin de semana das súas festas, dúas interesantes actividades culturais a desenvolver durante a tarde-noite. Trátase da representación de teatro do grupo Clámide e dunha nova sesión do programa de Cine na Rúa organizado pola concellería de Xuxentude. O teatro celebrarase a partir das 20.00 horas no centro socio cultural e o cine ás 22.00 horas, a priori ao aire libre no campo da festa. En caso de mal tempo, a proxección tamén se trasladaría ao interior do centro sociocultural, e ámbalas dúas actividades son de balde.

O taller de teatro Clámide está percorrendo todas as parroquias do municipio na xira organizada para celebrar o seu 40 aniversario. A conmemoración tiña que terse realizado o ano pasado, pero pospúxose ata este debido á pandemia, de aí que leve por título 40 anos + 1 de Clámide. Para a actuación deste sábado en Rubiáns porán en escena a obra María Estuardo, Prometeo e Calígula.

Xa ao anoitecer, o público familiar poderá divertirse con Un mostro en París, unha película de animación situada no París de 1910 cando Raúl, un inventor, e o seu amigo Emiliio, fan un experimento que converte un insecto nun monstro xigante que fuxe polos tellados. Na cidade salta a alarma e alíanse para tentar de capturar ao monstro. Maila isto, Lucille, coa axuda de Raúl e Emilio, tratan de protexer ao novo ser que, en realidade, é un bicho moi simpático e cun talento moi especial para a música.