Chega a Vilagarcía '20 anos de dignidade', o documental sobre o afundimento do prestige

A Deputación promove a actividade co obxectivo de dar a coñecer a catástrofe e as súas consecuencias entre a mocidade que non nacera no fatídico 13 de novembro de 2022 ▶ O audiovisual dirixido por Jose Manuel Aragunde exhibirase o sábado 28 de xaneiro a partir das 20.30 horas no Salón García

Imagen del estreno del documental '20 anos de dignidade' en el pazo de cultura de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Imagen del estreno del documental '20 anos de dignidade'. DAVID FREIRE

O afundimento do petroleiro Prestige e todas as consecuencias daquela catástrofe reviviranse o sábado, 28 de xaneiro, no Salón García de Vilagarcía, con motivo da proxección do documental 20 anos de dignidade, dirixido por José Manuel Aragunde. O acto, que comezará ás 20.30 horas, está promovido pola Deputación de Pontevedra e ten como obxectivo dar a coñecer á poboación menor de 20 anos, aquela que non viviu a traxedia, o fatídico suceso, as consecuencias medioambientais que tivo e a marea de solidariedade solectiva que xerou. A entrada é libre e de balde.

A proxección deste documental faise con motivo do vixésimo aniversario do afundimento do petroleiro ante as costas galegas, o pasado 13 de novembro, un suceso que foi, sen lugar a dúbida, a maior catástrofe medio ambiental na historia do país. O audiovisual, do director Jose Manuel Aragunde Pereira, ten unha duración de 45 minutos e foi creado especialmente pensando na xente máis nova, que naceu despois da traxedia: un 15,7% da poboación galega actual ten menos de 20 anos e non foi partícipe do suceso en 2002.

A proxección lembrará os feitos que están e se manterán na memoria das persoas que viviron o suceso no seu momento: que o accidente trouxo consigo un gran desastre económico coa prohibición de pescar e mariscar desde o 16 de novembro e durante varios meses, feito que ocasionou grandes perdas económicas a todos so axentes vinculados, tanto directa como indirectamente, co sector do mar.

No caso da provincia de Pontevedra, con 398 quilómetros de costa, unha das zonas con gran afectación medio ambiental foi o parque nacional Illas Atlánticas e, en especial, a Illa de Ons, tanto na súa superficie como no seu fondo mariño. O departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación organiza as proxeccións en diferentes municipios da provincia, e tamén en centros educativos.