Catro centros de Vilagarcía gañan os premios á decoración sostible de Nadal

Trece escolas participaron no certame este ano e expuxeron os seus traballos no Auditorio Municipal durante as vacacións de Nadal ▶ Os galardoados recibirán un premio en metálico concedido pola Concellería de Xuventude

Fachada del colegio Rosalía de Castro de Carril. DS
photo_camera Fachada do colexio Rosalía de Castro de Carril. DS

O conxunto de adornos de Nadal elaborado polo alumnado do colexio Rosalía de Castro foi o merecedor do primeiro premio do Concurso de Decoración Sostible convocado pola Concellería de Xuventude. A utilización de materiais naturais e, especialmente de residuos que se reciclaron para adquirir unha nova vida en forma de adorno, así como a orixinalidade e a perfección dos acabados foron algúns dos aspectos valorados polo xurado que tamén fallou conceder o segundo premio á escola unitaria de Aralde-Sobrán e o terceiro ao centro Mecos-BATA. Ademais, o premio popular, recaeu no traballo elaborado polo alumnado do CEIP Piñeiriño. Todos os galardoados recibirán un premio en metálico.

Corchos, botellas e botes, briks, cápsulas de café, bombillas, tapóns, tubos de papel hixiénico, brochas, paus de xeados, botóns, calcetíns, cepillos de escoba, fíos de la, follas de árbores, piñas, cocos de carballo, algodón, pinzas da roupa e moita purpurina son algúns dos materiais empregados polos escolares nos seus traballos, en cumprimento das bases e do espírito do propio certame, que ten como obxectivo principal fomentar o reciclado como recurso educativo e sensibilizar á poboación sobre a problemática dos residuos que xeramos e sobre a importancia da reutilización e a reciclaxe.

Como debido ao mal tempo, os traballos non se puideron pendurar das árbores do Parque Miguel Hernández, como estaba previsto, expuxéronse no interior do Auditorio e tamén se publicaron fotos nas redes sociais municipais.

Como gañador do primeiro premio do concurso, o colexio Rosalía de Castro recibirá 300 euros, mentres que a escola unitaria de Aralde-Sobrán, 200 polo segundo premio, e centro Mecos-BATA, 100. Ademais, en base aos "likes" obtidos na votación popular aberta a través da conta do Concello en Facebook, o colexio Piñeriño recibirá os 150 euros cos que estaba dotado o premio popular.

Trece centros participaron este ano no Concurso de Decoración Sostible de Nadal que regresou ao formato escolar despois das dúas últimas edicións que tivo que celebrarse no ámbito familiar debido ás restricións impostas pola pandemia.