Os centros municipais de música de Vilagarcía celebran os seus concertos de Nadal no Auditorio

O alumnado da Escola Bernardo del Río sube ao escenario este martes e o do Conservatorio Profesional o mércores, con entrada de balde
Auditorio de Vilagarcía. DAVID FREIRE
photo_camera Auditorio de Vilagarcía. DAVID FREIRE

Os centros municipais de ensino musical de Vilagarcía teñen todo listo para pechar o primeiro trimestre do curso cos seus respectivos Concertos de Nadal. Xusto antes de comezar o periodo vacacional, profesores e alumnos da Escola de Música Bernardo del Río e do Conservatorio Profesional subirán ao escenario esta semana para despedir o ano interpretando temas propios destas celebracións e outras pezas musicais nas que levan meses traballando.

Os primeiros en subirse ao escenario do Auditorio serán os alumnos e alumnas da Escola Bernardo del Río. Serán as distintas agrupacións existentes no centro as que leven o protagonismo do Concerto de Nadal que terá lugar este martes 19 de decembro, a partir das 19.00 horas. Deste xeito a escola pecha este primeiro ciclo do curso, no que tamén se celebraron os festivais de Música e Movemento e as audicións instrumentais por especialidades. A entrada é libre e de balde.

E un día despois, o mércores 20 de decembro, será o alumnado e o profesorado do Conservatorio os que collan o relevo no Auditorio para ofrecer o seu Concerto de Nadal. A actuación tamén comeza ás 19.00 horas e está aberta a todas as persoas que desexen gozar dunha tarde de música.