O centro urbano de Vilagarcía mudará este ano á tecnoloxía LED

Os principais accesos á cidade tamén cambiarán a súa iluminación ▶ Trátase dun proxecto financiado a través das EDUSI cun investimento de 417.000 euros permitirá substituír 1.039 puntos de luz e renovar 28 cadros eléctricos
1-alumbrado-vilagarcia-aursos-renovacion-alumbrado-diputacion-pontevedra (1) (1)
photo_camera Alumbrado de Vilagarcía. DS

A totalidade do centro urbano de Vilagarcía e as principais vías de acceso á cidade estarán iluminadas con tecnoloxía LED antes de que remate o ano grazas á última actuación que vai levar a cabo o Concello cun investimento de 417.000 euros. Trátase do proxecto incluído no programa Vilagarcía Avanza, financiado a través dos fondos europeos das EDUSI, para substituír 1.039 puntos de luz do alumeado público e renovar os 28 cadros eléctricos das zonas afectadas. Tres empresas optan ao contrato que ten un prazo de execución de tres meses.

O proxecto permitirá adaptar o alumeado público ás esixencias do Reglamento de Eficiencia Energética en Instalaciones de Alumbrado Exterior 2008, principalmente en aspectos fundamentais como son os niveles de iluminación e uniformidade en viais, na baixada de potencia en horas de madrugada, así como na redución de deslumbramentos, luz intrusa ou molesta e de resplandor luminoso, aspectos estes últimos que beneficiarán á seguridade viaria.

Combater a contaminación luminosa e o efecto invernadoiro

Ademais de modernizar a infraestrutura, este tipo de actuacións de aforro e eficiencia enerxética supoñen un avance no modelo da economía sostible, reducen a contaminación luminosa e axudan a diminuír as emisións de gases a atmosfera e a combater o efecto invernadoiro.

Os 1.039 puntos de luz a cambiar distribúense por diversas zonas do municipio. Principalmente nas travesías que dan acceso á cidade, así como na rúas do centro urbano nas que aínda non se implantou a tecnoloxía led. Pero tamén a zonas da periferia e do rural. Así, actuarase na avenida de Vilanova -dende o límite con este municipio-, en toda a avenida de Cambados, en tramos de Pablo Picasso e Doutor Tourón, así como na avenida Rodrigo de Mendoza. Tamén se cambiará a iluminación do último traxecto da rúa Valle Inclán ata Víctor Pita.

Os traballos afectarán igualmente á avenida Agustín Romero e á de Cornazo ata as bifurcacións coas rúas Santa Mariña e Outeiro. Na avenida de Pontevedra traballarase en varios tramos dende a rotonda de Larsa ata o acceso ao hospital. Tamén se renovará a iluminación no tramo urbano da estrada do Pousadoiro e na PO-548, dende a rotonda de Carril ata a glorieta da circunvalación norte. O proxecto inclúe a substitución de puntos led na urbanización do Piñeiriño e en Fontecarmoa, con tramos das rúas Camilo José Cela, Álvaro Cunqueiro, Julio Camba e zonas do complexo deportivo de Fontecarmoa.

No que ao centro urbano se refire, beneficiaranse desta importante intervención algunhas rúas que aínda contan con alumeado antigo, como Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas e o parque de Arcebispo Xelmírez. No mesmo centro da cidade aproveitarase para renovar puntos de luz en Rey Daviña, Romero Ortíz e parte da rúa Méndez Núñez ata a Praza da Constitución, así como nas rúas Juan García, V alentín Viqueira, A Baldosa e Conde Vallellano.

Igualmente, aproveitarase para actuar en distintos lugares da periferia, como a avenida de Berdón, as rúas Moreira e da Cruz en Cornazo, así como en estradas secundarias e accesos a zonas residenciais da parroquia de Bamio, en concreto dende a gasolineira de Carril ata o cruce coa travesía de Vilar e nas rúas San Xoán, Outeiro, Pedroso e Nogueirido ata o polígon o industrial.

Outros 200.000 euros para aforrar o 84% do consumo actual

O proxecto do Vilagarcía Avanza coincide no tempo con outra importante intervención en materia de implantación da tecnoloxía led que se está a desenvolver en Vilagarcía no marco do Programa Operativo Sostible da Deputación de Pontevedra. Financiado con fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) e cun investimento de máis de 200.000 euros, o proxecto, que xa está adxudicado, permitirá substituír 515 puntos de luz convencionais por outros tantos led e renovar 11 cadros eléctricos. Neste caso, a actuación céntrase nas rúas do centro urbano, prazas e zonas peonís e suporá un aforro enerxético do 84% respecto ao consumo actual.

As rúas beneficiarias desta actuación son Arcebispo Lago e as zonas peonís adxacentes; Arcebispo Andrade, Alejandro Cerecedo e Vicente Risco; Gumersindo Nartallo, Duque de Rivas e Arapiles; García de Caamaño, Castelao, rúa O Castro e Alexandre Bóveda; García Lorca, López Cuevillas e Manuel Antonio; travesía de Ravella e rúa Doutor Fleming; Doutor Moreira Casal e prolongación da estación e avenida da Mariña, rúas do Cristo, Vergara e Juan García.