O centro urbano pásase á tecnoloxía LED coa substitución dos 515 puntos de luz actuais

A actuación lévase a cabo a través do Programa Operativo Sostible convocado pola Deputación e que conta cun 80% de financiamento europeo ▶ O investimento acada os 199.385 euros e suporá un aforro enerxético do 84% respecto ao consumo actual

1-alumbrado-vilagarcia-aursos-renovacion-alumbrado-diputacion-pontevedra (1) (1)
photo_camera A renovación das luminarias estará financiada con fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación. DS

No mes de febreiro comezarán a executarse os traballos do proxecto de renovación das instalacións de iluminación externa que permitirá implantar a tecnoloxía LED no alumeado público dunha ampla zona do centro urbano de Vilagarcía. A actuación, incluída no Programa Operativo Sostible da Deputación de Pontevedra e financiada con fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación (IDAE), supón un investimento de 199.385 euros e consiste na substitución dun total de 515 puntos de luz convencionais por outros tantos LED. A medida suporá un aforro enerxético do 84% respecto ao consumo actual, segundo apunta a memoria técnica do proxecto que xa foi adxudicado polo organismo provincial.

O concelleiro de Obras e Servizos, Lino Mouriño, e o Xefe do Servizo de Electricidade do Concello reuníronse esta mañá cos responsables da empresa adxudicataria, a UTE composta polas firmas Sece-Eleukon. A reunión tiña como obxecto planificar os traballos que está previsto iniciar no mes de febreiro, unha vez que a empresa reciba o subministro dos materiais.

Ademais da substitución das 515 luminarias actuais por outras tantas de tecnoloxía led de última xeración, o proxecto inclúe tamén a renovación dos 11 cadros de mando correspondentes ás zonas nas que se vai a actuar. As rú ;as beneficiadas pola medida son Arcebispo Lago e as rúas peonís adxacentes; Arcebispo Andrade, Alejandro Cerecedo e Vicente Risco; Gumersindo Nartallo, Duque de Rivas e Arapiles; García de Caamaño, Castelao, Rúa O Castro e Alexandre Bóveda; García Lorca, López Cuevillas e Manuel Antonio; Travesía de Ravella e Rúa Doutor Fleming; Doutor Moreira Casal e prolongación da estación; e Avenida da Mariña, rúas do Cristo, Vergara e Juan García.

Menor potencia

Segundo os cálculos incluídos no proxecto, esta actuación permitirá diminuír a potencia eléctrica utilizada dos 83 Kw actuais, a tan só 20,7 Kw, o que suporía un aforro estimado do 84% no gasto de consumo eléctrico nestes puntos.

O 80% do custe deste proxecto de eficiencia e aforro enerxético finánciase con fondos europeos, mentres que Deputación e Concello asumen a partes iguais o 20% restante.

Actuacións anteriores en rúas e instalacións deportivas

O Concello de Vilagarcía leva desenvolvido xa varios proxectos de mellora da eficiencia enerxética no municipio relacionados co alumeado de vías, rúas e zonas públicas. O último, supuxo a substitución de 1.330 puntos de luz por lámpadas de tecnoloxía led en camiños e zonas do rural, actuación na que se investiron 191.5198 euros. Con anterioridade se cambiaron as luminarias en 256 puntos de luz de rúas e paseos de zonas urbanas cun orzamento de 40.000 euros máis. Tamén se procedeu o ano pasado á renovación da iluminación e o conseguinte paso á tecnoloxía led en varias instalacións deportivas municipais como o pavillón de Carril e o número 2 de Fontecarmoa, os campos de fútbol de Berdón e de Vilaxoán, así as pistas de tenis do complexo de Fontec armoa.