Os cemiterios municipais amplían o seu horario o vindeiro luns e o martes

O luns abrirán de 9:00 da mañá a 19,30 da tarde, e o martes, de 9:00 a 22:00 horas ▶ Paralelamente, nos arredores da Praza de abastos desenvólvese o mercado das flores, con apertura de 9 da mañá o 8 da tarde

Cementerio de Rubianes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Cementerio de Rubianes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía xa ten todo a punto para facilitar a tradicional celebración do Día de Defuntos, o vindeiro luns, e de Todos os Santos, o martes. Para iso, durante as últimas semanas tanto operarios municipais coma dunha empresa de xardinería viñeron traballando no acondicionamento das zonas comúns dos dous cemiterios de titularidade municipal, o xeral de Vilagarcía (en Rubiáns) e o do Carril. Á vista da afluencia esperada, foi reforzado o número de contedores de lixo. Igualmente, no recinto de Rubiáns instalaranse varias carpas en previsión de mal tempo durante as celebracións relixiosas na contorna da capela.

Como vén sendo habitual, neses dous días tan sinalados, nas que as familias adoitan visitar as tumbas do seus seres queridos, os horarios variarán respecto dos normais. Así, o luns, 31 de outubro, as obras abriranse ás 9 da mañá e permanecerán abertas ata as 19:30 da tarde-noite. O martes, Día de Todos os Santos, o horario será de 9 da mañá a 8 da tarde.

Paralelamente á posta a punto dos cemiterios, o Concello tamén puxo en marcha, en colaboración con varias floristas, o xa case tradicional Mercado das Flores, nunha carpa específica ao carón da praza de abastos, ás beiras do río do Con. Nela, aqueles que desexen adquirir as flores coas que honrar aos seus defuntos, terán un horario moi amplo, de 9 da mañá a 8 da tarde, dende hoxe venres ata o luns. O martes 1, o horario será unicamente de mañá: de 9 a 14:00 horas.

Samaín na Peixería

Como contrapunto aos actos de lembranza dos falecidos arredor do Día de Defuntos e de Todos os Santos, o vindeiro luns pola tarde a praza da Peixería acollerá un festival moi ligado a esa tradición: o Samaín. Liderado por Dani Barreiro & Friends, o evento comezará ás 17:30 horas e rematará ás 20:00. O espectáculo se dirixe a un público familiar con nenos de 3 a 12 anos. Ademais de música, baile e animación, haberá un taller continuo de pintacaras. A entrada é libre e gratuíta.