Carril xa ten o albergue "de quinta xeración máis fermoso de Galicia"

▶ A presidenta da Deputación e o alcalde de Vilagarcía visitaron este xoves o remate da obra, financiada con máis de 600.000 euros do Plan Concellos
Representantes da Deputación e do Goberno local de Vilagarcía, este xoves durante a visita ás instalacións. DS
photo_camera Representantes da Deputación e do Goberno local de Vilagarcía, este xoves durante a visita ás instalacións. DS

Os peregrinos e peregrinas que fagan un alto en Vilagarcía no transcurso do Camiño de Santiago poderán aloxarse no "albergue de quinta xeración" que será "o máis fermoso de Galicia". Así describiu onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o resultado das obras de recuperación dunha edificación abandonada como era a antiga Casa da Cultura do Carril, por iniciativa do Concello de Vilagarcía, para transformala nunha edificación moderna que serve de miradoiro cara a desembocadura do río Ulla, a ría de Arousa, e Cortegada.

O edificio, que recibiu unha achega de máis de 600.000 euros con cargo ao Plan Concellos, marca o inicio dunha ruta que nos últimos anos aumentou considerablemente no que se refire ao turismo peregrino, e que agora permitirá mellorar a oferta turística do municipio e contribuir ao desenvolvemento socioeconómico de Carril. Por este motivo, o Concello vén de solicitar a súa integración na rede pública de albergues do Camiño, xestionada pola Xunta.

Interior das instalacións. DS
Interior das instalacións. DS

Silva, pola súa parte, quixo parabenizar ao Goberno local "pola boa decisión de recuperar unha edificación abandonada á que outros gobernos anteriores non foron quen de atoparlle un uso", así como por convertela nun albergue "tendo en conta que cada vez o Camiño ten máis capacidade de atracción", co que "O Carril non só acollerá as persoas peregrinas senón que será un espazo dinamizador". A presidenta provincial tamén vaticinou que "cando estea en funcionamento asentaranse no Carril moitos outros servizos, cumprindo coa idea de que o turismo ten que xerar riqueza, actividade económica e emprego nos lugares onde se desenvolve".

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asegurou que "os datos turísticos lévannos a concluír que somos a zona turística máis importante de Galicia, e con todo o que move o Camiño tiñamos que contar cun albergue".

As instalacións teñen capacidade para acoller a 30 persoas, ademais de contar cunha finca para a realización de actividades ao aire libre, unha recepción, lavandería, consignas e unha terraza cunha pérgola vexetal. Todo distribuído nun andar baixo, primeiro e zona baixo cuberta.