O campo de fútbol 'Mari Paz Vilas' de Bamio contará cun corredor cuberto

O Concello inviste 25.410 euros e o prazo de execución fixado para a obra é de 30 días

O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS

O Concello de Vilagarcía continúa mellorando as infraestruturas deportivas da cidade, nesta ocasión cunha actuación no campo de fútbol Mari Paz Vilas que viñan demandando os clubs usuarios das instalacións municipais de Bamio. Trátase da construción dun corredor cuberto dende a saída dos vestiarios para habilitar unha zona abrigada pola que transitar os usuarios do campo. A obra adxudicouse á empresa Planificación Desarrollo y Gestión de Contrucciones S.A. por importe de 25.410 euros (impostos incluídos) e un prazo de execución de 1 mes. 

O corredor cuberto terá unha lonxitude de 30 metros. Partirá da saída dos vestiarios e discorrerá pegado á zona da bancada, por diante das dependencias situadas no semi-soto destas. Este soportal mellorará a funcionalidade e as condicións de confort das instalacións cando chove, tanto para os deportistas, técnicos e árbitros nos seus desprazamentos dos vestiarios ao terreo de xogo, como para o público que accede ás bancadas dende o aparcamento habilitado na parte traseira das gradas. 

O soportal crearase mediante a instalación dunha estrutura metálica cun sistema de piares e vigas biapoiadas. No proxecto tamén se contempla a realización dun reforzo e ampliación do sistema de alicerces que permita transmitir ao chan as cargas do soportal sen afectar á edificación actual. O material de cubrición será panel sandwich de chapa prelacada con illamento interno de 30 mm de polisocianurato. O proxecto prevé os pertinentes remates perimetrais e nos encontros cos muros, así como a instalacións dos canalóns para a recollida de augas da cuberta.