Campaña de repintado de pasos de peóns e sinalización de vías

O Concello inviste 36.000 euros para esta actuación de mantemento e mellora da seguridade viaria
Rúa Xiabre en Guillán, Vilagarcía . JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rúa Xiabre en Guillán, Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Co obxecto de mellorar a seguridade viaria no municipio, o Concello de Vilagarcía destina 36.000 euros a financiar unha campaña de repitando da sinalización horizontal e dos pasos de peóns que, debido ao desgaste polo paso de vehículos e as inclemencias meteorolóxicas, sexan pouco visibles para condutores e transeúntes. Nas rúas urbanas, a actuación centrarase no remarcado dos pasos de peóns, mentres que nas vías do rural, ademais destes, volverán a pintarse todas as marcas viarias e sinais de circulación.

Os traballos xa foron adxudicados á firma Señales y BalizasGalicia S.A., que terá que esperar a que cesen as chuvias para poder pintar. Para isto utilizarán pinturas apropiadas e coas características precisas para ser utilizadas en vías de circulación, tendo en conta a súa adherencia e durabilidade, así como criterios de visualización e antideslizamento.

Segundo a memoria de necesidades que acompaña ao contrato, nos núcleos urbanos repasaranse 950 metros cadrados de pasos de peóns. Nas vías do rural pintaranse 13.000 metros lineais de marcas viarias de 10 centímetros de ancho, 3.500 metros de marcas dun grosor de 15 centímetros, 240 metros cadrados de pasos de peóns, 30 metros cadrados de liñas amarelas de zigzag, 35 sinais de stop, 30 de velocidade e 25 frechas.